OPA SOBRE LIBERBANK

Que procura Abanca?

Que procura Abanca?

A OPA sobre Liberbank quere situar a entidade financeira entre as seis máis importantes no Estado, consolidar e incrementar a súa presenza no Noroeste peninsular e estenderse por Castela-A Mancha e Estremadura.


Juan Carlos Escotet aseguraba a finais de xaneiro, na presentación dos resultados de Abanca en 2018, que a súa intención era que a entidade financeira continuase medrando con compras no Estado español, Portugal e Estados Unidos. A adquisición da banca minorista de Deustche Bank en Portugal e da filial española do primeiro banco de Portugal, a Caixa Geral, abriu o apetito de Escotet: Abanca situábase con ese movemento como sétima entidade financeira no Estado. O lanzamento dunha OPA sobre Liberbank permitiría a Abanca escalar un posto e pasar a ser o sexto banco. Consolidaría a entidade no Noroese peninsular e permitiría estenderse a Castela-A Mancha e Estremadura, zonas onde a concentración e centralización bancaria impulsada a lombos da crise tamén destrozou o seu sistema financeiro.

A Comisión Nacional do Mercado de Valores deu dez días, empezados a contar desde esta segunda feira, para que a entidade galega manifeste se formula unha OPA sobre Liberbank. No caso de que manifeste adoptar a decisión de formular unha OPA sobre Liberbank nos termos previstos no Real Decreto de OPA, pídelle que publique inmediatamente un anuncio corrixindo aqueles aspectos da información publicada na tarde da pasada sexta feira que impiden considerala como un anuncio de tal natureza e, en particular, eliminando toda referencia á suxeición da oferta a un proceso de revisión.

A oferta de compra de 0,56 euros por acción non convenceu Liberbank, que esta sexta feira consideraba que o de Abanca nin sequera pode ser tida en conta como unha oferta, polo que mantiñan o seu roteiro: fusionarse con Unicaja. Desconfiaban de Abanca, entre outras cuestións, por non explicar como financiaría esa OPA, valorada en 1.700 millóns de euros.

Hai partido

Porén, entre certos accionistas de Liberbank semella que o paso dado por Abanca non desagrada, así que hai partido. E nese partido van ter un peso fundamental os principais accionistas de Liberbank. As tres fundacións das ex caixas (Asturias, Estremadura e Cantabria) suman 24% do capital. O investidor mexicano Luis Tinajero controla 7,4% e a asturiana famila Masaveu (negocios en adegas, eléctricas portuguesas, inmobles en EUA…) ten 5,5%.

E non se pode perder de vista Oceanwood, con máis de 17% do capital. É un fondo de capital risco con sede nas Illas Caimán e que en 2017 entrou no Consello de Liberbank, do que era xa accionista. Estaría interesado en vender e por iso a oferta de Abanca énchelle o ollo.

Escotet, o 17 banqueiro máis rico do mundo segundo Forbes -cunha fortuna de 3.700 millóns de euros-, sopesa agora o paso a dar após o anuncio da sexta feira. Unha parte da ponte de mando de Liberbank opta por seguir co proceso de fusión con Unicaja e desbotar o ‘canto de serea’ de Abanca. Mais non é esa a opinión unánime. De aí que aínda haxa marxe para que Escotet sitúe Abanca como sexto banco no Estado, cumprindo así un dos seus obxectivos. Non o último.