O recibo da luz continúa a subir e xa é un 30% máis caro que hai 8 meses

O recibo da luz continúa a subir e xa é un 30% máis caro que hai 8 meses

Os expertos vaticinan novos aumentos, de até un 10% até finais de mes. As grandes eléctricas gañaron máis de 56.600 millóns de euros entre 2008 e 2015.


O recibo da luz continúa a dar a ‘costa de xaneiro’ a millóns de consumidores en todo o estado. O recibo encarécese a niveis que non rexistraba desde hai tres anos e as previsións son que vaia a seguir subindo. Até un 10% máis cara a finais deste mes de xaneiro. A luz costa 75,28 megavatio-hora (operador OMIE), marcando récord desde 21 de decembro de 2013.

Porque esta suba? Os expertos apontan á caída da enerxía producida por renovábeis e alternativas que sofremos (e das que a comezos de 2016 había exceso de produción). A escaseza de chuvias, a falla de vento... impide bos comportamentos nas enerxías producidas en base a estes elementos, e obriga a tirar da producida en base a gas e carbón. Aliás, e para completar a imaxe, hai que engadir o encarecemento do petróleo e o paro das nucleares francesas. O consumo real apenas representa só unha parte da factura real. Peaxes e impostos completan o recibo. Nos últimos 8 meses o recibo da luz encareceuse nun 30%.

As grandes eléctricas gañaron entre 2008 e 2015 máis de 56.650 millóns de euros. Nese período o recibo da luz subiu un 54%. Todo vén desde o 1997, ano en que comezou a liberalización do sector enerxético, que deixou de ser servizo público. Máis de 75.000 fogares galegos retrasaron en 2015 o pagamento de facturas da luz por non as poder pagar no seu momento e 4.000 familias solicitaron as axudas estabelecidas pola Xunta para evitar cortes de luz por impagamento. Uns cortes de luz que non son excepcionais: en 2015 Iberdrola (unha das tres grandes eléctricas) cortou a luz a 270.000 fogares. Facíao mentres gañaba 2.400 millóns de euros só nese ano