O recibo da luz incrementou en 86% nestes quince anos

O recibo da luz incrementou en 86% nestes quince anos

O recibo da luz da persoa usuaria media subiu 85,7% en apenas 15 anos, segundo un estudo de Facua. Coas tarifas vixentes en agosto deste ano a factura mensal representa 80.73 euros fronte aos 43,47 que supoñía en 2003. Unha diferenza de 37,26 euros. 

Cómpre lembrar que a luz vai subir na Galiza unha media de 16 euros por galega e galego para compensar as eléctricas polos impostos autonómicos que pagaron. Galiza, excedentaria na produción de enerxía, vai ter que pagar 38 millóns de euros neste concepto, o recibo máis alto do Estado. A factura desta compensación para Madrid -que non produce nin un só megavatio- é de 30 céntimos por habitante. Territorios como Canarias ou Euskadi libran deste recargo.  Así pois, Galiza, que exporta entre 30 e 40% da enerxía que produce, engade un punto máis aos retornos negativos que obtén por esta actividade: ao servizo deficitario, ao impacto ambiental ou ao xa de por si prezo elevado suma agora pagar este novo recargo.

O Tribunal Supremo avalou nunha sentenza de xuño de 2014 o dereito das eléctricas a recuperar o pagado en impostos autonómicos. Uns cartos que se devolverán a cargo das consumidoras e en función dos tributos que existan no seu territorio. O alto tribunal considera que os impostos autonómicos son un “sobrecusto” que deben asumir as consumidoras e consumidores de cada autonomía para non danar “a unidade do mercado” español



x