Sen resposta aos aranceis de Trump que xa afectan a produtos galegos

Sen resposta aos aranceis de Trump que xa afectan a produtos galegos
Porto de Vigo [Imaxe: Cedida]
Porto de Vigo [Imaxe: Cedida]  

As medidas da Administración norteamericana entran en vigor e os sectores afectados non teñen información de ningunha medida por parte do Estado español e a UE.


Esta sexta feira 18 de outubro fixéronse efectivos os aranceis anunciados pola administración estadounidense contra determinados produtos europeos. Esta medida, notificada hai uns días logo da resolución da Organización Mundial do Comercio (OMC), comeza a afectar a Galiza.

Os aranceis de 25% prexudican produtos cunha importante presenza na Galiza. Os máis afectados a nivel galego serían os viños mais entrarían tamén os lácteos, entre os que figuran o queixos, a manteiga e o iogur. Tamén entran produtos do mar como mexillóns, navallas e ameixas.

Sen novas do Goberno español

As diferentes organizacións e empresas galegas consultadas por Sermos Galiza esta mesma sexta feira non tiñan ningún tipo de información das medidas que pensa adoptar o Goberno español.

Roberto Rivas, presidente Asociación Galega de Viticultores, asegura a Sermos Galiza que “non houbo ningún tipo de contacto”, polo que comeza a ser evidente a preocupación. “Cada quen tivo que buscarse a vida”, explica, “na nosa adega o distribuidor que temos en New York cando nos pediu viño xa nos dixo que temos que ser nós os que asumamos os aranceis”.

Segundo informan as axencias, esta quinta feira o ministro en funcións de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, afirmaba que as competencias nesta materia están transferidas á Comisión Europea, que xa traballa en responder á administración norteamericana "cunha listaxe de produtos americanos" aos que se lles aplicaría aranceis europeos.

“Se a solución é unha guerra comercial sería unha barbaridade”, expresaba a Sermos Galiza o presidente Asociación Galega de Viticultores en relación a esa resposta institucional. “Falo tamén polo resto dos sectores agrarios deste país”.

Buscar alternativas

Juan Casares, presidente D.O. Ribeiro, reflexiona para Sermos Galiza sobre esta situación e di “non entender esta política ultraconservadora dos EUA cando en viño, por exemplo, non son grandes produtores”. Explica que na D.O. Ribeiro as exportacións a ese país non son moi significativas, “temos máis vendas en Europa, China e Xapón” e aínda así “hai empresas preocupadas”. Entende que o sector vai estar obrigado “a adaptarse” e neste tránsito as adegas máis afectadas serán “aquelas que teñen un menor valor engadido”. A mesma reflexión realiza ao falar de todo o sistema vitivinícola galego. “Imos ter que buscar novos mercados e mesmo potenciar o seu consumo aínda máis no noso país”.

Alfonso Alcaide, secretario do Consello Regulador do Mexillón, é da mesma opinión. “A conserva de mexillón galego que vai para EUA non ten un volume tan relevante como a doutros mercados, alí temos unha posición de moito prestixio”, relata a Sermos Galiza, “aínda así sentimos moita preocupación polo que significa que se tomen estas medidas”.