Sacyr vende a súa participación na empresa matriz da AP-9 por 202 millóns de euros

Sacyr vende a súa participación na empresa matriz da AP-9 por 202 millóns de euros
[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela
[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela  

A operación deixaría Globalvía como minoritario e os fondos Corsair e APG como vencedores na pugna porfacerse co control da xestora da Autoestrada do Atlántico.


A AP-9 é un negocio. Un negocio “dos bos”, un choio. Por iso esta infraestrutura posta en servizo a finais de 1979 leva tempo centrando o interese de fondos e investidores estranxeiros, e nestes meses está no albo dunha pugna e baile de accionistas ao redor da Autoestrada do Atlántico.

Sacyr vende a súa participación en Itínere, empresa matriz da AP9, por 202 millóns de euros. Este paquete de accións en mans da construtora tiña dous pretendentes: Globalvía por unha banda e por outra os fondos Corsair e APG.  E estes últimos son os afortunados. Sacyr vende á sociedade Itínere Investco BV, firma holandesa cuxo domicilio social coincide do doutras instumentais ligadas a APG e Corsair.

En caso de se concretar finalmente a operación estes dous fondos consolidan o control de Itínere. Recentemente Liberbank vendeu 5,67% que tiña na concesionaria a unha sociedade instrumental domiciliada en Holanda e ligada a Corsair. Con estas operacións, este fondo logra 43,6% do capital de Itínere mentres Globalvia ten 40%.

Batalla

No verán saltaba a noticia: Globalvia, controlada por tres fondos de pensións [USS, canadiano; PGGM, británico; e OPTrust, holandés] ía facerse con 55,6% de Itínere (matriz xestora da AP-9), até agora en mans de Abanca, Kutxabank e Sacyr. Con esta operación de 723 millóns de euros acontecía, entre outras cousas, que desaparecían as últimas raíces galegas da AP-9. Globalia, con intereses nos EUA, Chile, ou Irlanda xestiona máis dunha vintena de autoestradas en varios países. Entre elas, as radiais de Madrid, que foron rescatadas polo Goberno de Mariano Raxoi.

Mais esa operación de compra da AP-9 paralizouse. E non porque a Xunta ou o Estado movesen ficha senón porque outro fondo de pensións, desta vez holandés (APG), entrou en liza. APG anunciou que adquire 59% de Intinere xunto con Corsair, até agora maioritario nesta empresa. Querían frear así a aposta de Globalia e manter as rendas dun negocio tan gorentoso como a AP-9.



x