Os salarios galegos caen un 2,2% mentres a media española aumenta un 0,6%

Os salarios galegos caen un 2,2% mentres a media española aumenta un 0,6%

A fenda entre un soldo medio galego e un español supera os 300 euros mensuais. Galiza é ademais o segundo territorio do Estado onde a xornada laboral en horas efectivas é máis alta.


O salario medio galego caeu no segundo semestre deste ano un 2,2%. Baixada que contrasta co aumento do 0,6% que no mesmo período experimentou o soldo medio español. Ademais, e nese mesmo período, o custo laboral medio (salarios máis cotizacións sociais) por traballador no noso país caeu un 2,1%. No Estado español incrementouse un 0,4%. Ambos os dous dados apontan á fenda existente entre Galiza e o Estado en canto a salarios.

No segundo semestre, e como sinalan os dados feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística, o salario medio en Galiza era de 1.635 euros, mentres que no Estado español estaba en 1.941, o que supón 300 euros mensuais máis. Nunha nómina de 12 pagas anuais iso supón unha fenda de máis de 3.600 euros de diferencia. Ademais, Galiza ten a segunda xornada laboral máis elevada do Estado en canto a horas efectivas e a terceira se nos atinximos a horas pactadas.

Cómpre lembrar que desde 2009 a 2013, e segundo un estudo da CIG, as rendas salariais caeron 3,5 puntos en relación co PIB. Neste senso, se en 2009 representaban o 48%, o pasado ano ficaron nun 44,5%. Asemade, cada traballadora percibe de media no noso país 17.770 euros anuais, un 2,5% menos que hai catro anos e por baixo da media estatal (18.505). O 31% das persoas que traballan en Galiza cobra menos do salario mínimo.