O Santander, que este ano fecha 136 oficinas na Galiza e despide 271 traballadoras, gañou até setembro 3.732 millóns de euros

O Santander, que este ano fecha 136 oficinas na Galiza e despide 271 traballadoras, gañou até setembro 3.732 millóns de euros
Ana Botín, presidenta do Santander. [Imaxe: EP/Banco Santander]
Ana Botín, presidenta do Santander. [Imaxe: EP/Banco Santander]  

O Grupo Santander obtivo un beneficio atribuído de 3.732 millóns de euros nos 9 primeiros meses deste ano, após dotar máis de 2.300 millóns, principalmente polo axuste do fondo comercial de Reino Unido. Isto, ademais dos cargos por valor de 814 millóns anunciados no primeiro semestre, levou a unha queda interanual do beneficio atribuído durante os primeiros 9 meses de 35%. Excluídos estes cargos, o beneficio foi de 6.180 millóns de euros, 2% máis que no mesmo período de 2018.

Beneficios que se coñecen en plena vaga de feche de sucursais do Banco Santander na Galiza, 136 delas na Galiza. O pasado mes de maio o Banco Santander anunciaba a súa intención de fechar na Galiza 135 sucursais e despedir 271 traballadores e traballadoras (14% das atinxidas polo expediente de regulación de emprego a nivel estatal). Das 136 oficinas bancarias que se fecharán, a maioría estará na provincia da Coruña (64) e de Pontevedra (37), mentres que en Lugo afectará 19 e en Ourense, 15.

Estes despedimentos e feche de sucursais na Galiza é chover sobre mollado. Entre 2008 e 2018 na Galiza desapareceron máis de mil sucursais bancarias o que se deu da man do proceso de centralización e concentración bancaria así como do impacto das novas tecnoloxías e a banca e dos trámites por internet. Nunha década desapareceu 40% da rede bancaria na Galiza, segundo os dados recentemente publicados polo Banco de España.

Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34%