O sector das ambulancias camiña cara a unha nova greve

O sector das ambulancias camiña cara a unha nova greve

Rachan as negociacións para un novo convenio colectivo, o actual caducou hai 3 anos, após propoñer a patronal recortes salariais e sociais.


O das ambulancias é un dos sectores que máis se mobilizou nestes anos na defensa dun convenio digno para os seus por volta de 1.600 traballadores e traballadoras. O convenio leva caducado 3 anos e ao longo deste tempo sucedéronse mobilizacións, paros, negociacións, fins de negociacións, folgas…

Esta pasada sexta feira a mesa de negociación entre representantes do persoal e patronal acabou con ruptura. Desde a CIG sinalan aos empresarios, que puxeron sobre a mesa unha serie de recortes salariais (de 6-7%) e rebaixas sociais (3%).

“A proposta da patronal contempla unha redución salarial do 6-7% dos salarios mais quitar os complementos por IT; reducir días de asuntos propios; crear 3 escalas salariais, á baixa, e mesmo recortar en lavado de roupa e uniformes”, explicou Xesús Pastoriza, responsábel nacional do sector de Transportes.

As reivindicacións das traballadoras e traballadores centrábanse en 3 eixos: incremento salarial pola vía, entre outros, do recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra; reducir o número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar en 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e melloras en materia de saúde laboral, xa que mentres a media de baixas en Galiza é de 5%, neste sector é de 13%. Xunto a isto, tamén queren mudar a situación das traballadoras e traballadores que están sendo contratados en prácticas mais cobrando menos que o resto do persoal.

Desde a CIG anuncian a inminente convocatoria de greve. A proposta será explicada ás delegadas e delegados da CIG na asemblea que está convocada para esta cuarta feira e aí se decidirá se é unha folga indefinida, parcial ou como se desenvolverá. Á súa vez as delegadas e delegados levarán ás asembleas de traballadoras e traballadores do sector este acordo para a súa ratificación.

Desde o sindicato nacionalista responsabilízase desta situación á Xunta por sacar contratos por baixo de custo e por aceptar as propostas con baixa temeraria que presentaron as empresas para competir entre elas. Ademais responsabilizou á Xunta de permitir que as propias ambulancias circulen en condición que non son aptas.



x