O sector electrointensivo galego únese para manifestarse por un novo marco regulador enerxético

O sector electrointensivo galego únese para manifestarse por un novo marco regulador enerxético

Os comités de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic convocan manifestación 20 de maio en Compostela.


Unha manifestación demandará o 20 de maio en Compostela medidas e solucións que garantan o futuro do sector electrointensivo galego, sometido a unha importante crise que afecta máis de 5.000 empregos directos. A mobilización partirá da explanada do estadio de San Lázaro e rematará ante o edificio da Xunta, en S. Caetano.

Esta marcha unitaria reclama aos gobernos español e galego medidas que permitan avanzar nun novo marco regulatorio da enerxía estábel, predecíbel e competitivo. Unha ferramenta, demandan, que permita garantir a actividade produtiva deste sector, importante en comarcas como A Mariña, A Coruña e Costa da Morte.

O convocatoria foi feita polos presidentes dos comités de Alcoa A Coruña, Juan Carlos López Corbacho, de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, de Celsa Atlántica da Laracha, Agustín Méndez, de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, Santiago Paz, e de Ferroatlántica Sabón, Alberto Ferreiro.

Instaron tamén a Xunta a que “deixe de botar balóns fóra”, faga uso das competencias que ten e traballe para dar solucións “á situación agónica na que se atopa o sector dende hai meses, con ameazas á continuidade da fábrica de aluminio de San Cibrao ou os expedientes de regulación de emprego formulados por Ferroatlántica para as súas instalacións de Cee, Dumbría e Sabón, nas que a dirección, malia non executar aínda os ERTEs, mantén parados varios fornos”.