EMPRESA

Segue caendo a creación de empresas na Galiza

Segue caendo a creación de empresas na Galiza
Peche de empresas na Galiza
Peche de empresas na Galiza  SG

A Galiza rexistra unha caída dun 30% na formación de empresas. No mes de xuño creáronse 251 compañías mentres que nesa mesma mensualidade en 2018 o número de compañías constituídas acadou as 359.


Os datos de creación de empresas na Galiza recollidos no mes de xuño indican que o noso país continúa a caer nesta materia. Así, rexístrase unha baixada dun 30% na formación de empresas, após comparar as 251 compañías creadas no mes de xuño na Galiza e as 359 que se crearon no mesmo período do ano pasado, segundo os datos que publica esta cuarta feira 3 de xullo o Instituto Galego de  Estatística (IGE).

A maioría das empresas creadas foron baixo a fórmula de sociedades limitadas e unicamente houbo tres que fosen sociedades anónimas.

O capital medio subscrito polas sociedades constituídas en xuño ascendeu a case 260.000 euros por sociedade. En xuño tamén ampliaron o seu capital social 87 sociedades mercantís (unha ducia menos que en 2018) que ascendeu a 118,4 millóns de euros.

O 22,7% das empresas constituídas en xuño pertencen ao campo do comercio, un 15,9% á hostalaría e un 13,9% á construción.

Continúa tamén a fenda entre sexos, sendo os homes maioritarios na creación de empresas 234 socios (o 73,13% do total) fronte a 86 socias (26,88%) en xuño de 2019.

O IGE xa avanzou en abril co seu estudo do primeiro trimestre de 2019 a caída que se estaba a producir na creación de empresas na Galiza, comparando estas coas constituídas no mesmo período de 2018; e sinalaba ao mesmo tempo como a formación de novas compañías estaba a medrar no estado Español en 4,1%.