AS PRINCIPAIS SUBAS DANSE EN ALIMENTOS E BEBIDAS

Segue a subir o IPC na Galiza mentres a media estatal retrocede

Segue a subir o IPC na Galiza mentres a media estatal retrocede
shopping-2615482_640
shopping-2615482_640  
A Galiza rexistra unha nova suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) pechando o mes de xullo cun aumento de até 0,5%, o que significa que este índice aumentou dúas décimas máis respecto o anterior rexistro mensual, tal e como recollen os datos dados a coñecer polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A Galiza rexistrou un dos maiores incrementos do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) no Estado durante o mes de xullo respecto aos datos recollidos na mensualidade anterior. Mentres, a media estatal deste índice retrocede en 0,6% nesa mesma comparativa entre xuño e xullo. O Estado elevou unha décima a súa taxa interanual mais, con todo, mantense igualmente nos seus niveis máis baixos en case tres anos.

As principais subas na Galiza danse en alimentos e bebidas non alcohólicas, que situaron a súa taxa mensual en 0,1% e a interanual en 0,5%; mentres que no caso de bebidas alcohólicas e tabaco rexistrouse un descenso de 0,2 e 0,5%, respectivamente.

En vestido e calzado a taxa interanual sitúase nun 1%, e en vivenda, a taxa mensual está en 0,6%. En canto a lecer e cultura, sobe un 1,4% en termos mensuais.

As causas da suba da taxa interanual do IPC en xullo debéronse á evolución dos prezos das froitas

Segundo salienta o Instituto Nacional de Estatística as causas da suba da taxa interanual do IPC en xullo debéronse á evolución dos prezos das froitas, que baixaron menos do que o fixeron en xullo de 2018, e ao encarecemento dos carburantes.

Os artigos de lecer e cultura elevaron os seus prezos en xullo en 1,6% e a vivenda subiu os seus prezos un 0,7% polo encarecemento da electricidade. O grupo en que se encadra o sector hoteleiro incrementou o IPC en 0,4% debido á suba dos prezos nos servizos de aloxamento.

O IPC aumentou no transporte en 0,3% e as causas atópanse segundo indica o INE no encarecemento dos carburantes e, en menor medida, do prezo dos automóbiles.