A segunda vida do lúpulo galego

A segunda vida do lúpulo galego
(Cedida)
(Cedida)  
O lúpulo, tamén coñecido como o “ouro verde”, vive unha segunda xuventude na Galiza. O cultivo, que chegou a converter a comarca de Betanzos nun dos máis importantes centros de produción da Galiza a mediados do século XX, volve  gañar presenza grazas ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e ao grupo Hijos de Rivera, que emprega a súa flor para a elaboración das súas cervexas. Eis un estrato da peza publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza.

A  mediados do século XX, Galiza foi unha potencia no cultivo do lúpulo e Betanzos a súa capital. Alí, á beira da estrada N-VI, erguíase o secadoiro da Sociedade Estatal de Fomento do Lúpulo, desaparecido hai agora unha década tras anos da abandono. O coñecido como «ouro verde» pola súa elevada demanda e alta rendibilidade, é un dos ingredientes esenciais para a elaboración da cervexa. Das súas flores unha vez secadas extráese a lupulina, que é o compoñente que lle outorga o característico amargor e a esencia a esta bebida.

Na década dos anos 50, a comarca betanceira era un dos centros produtivos máis importantes do país e a zona máis importante no que se refire ao procesamento do lúpulo. O cultivo acadou o seu punto álxido en 1963. A partir desa data, a industria foi esmorecendo. Nos anos 70, moitos agricultores optaron por arrincar as súas plantas ante as esixencias da Sociedade Española de Fomento do Lúpulo, a entidade que xestionaba a produción, de entregar o lúpulo xa seco en lugar de fresco, o que disparaba os seus custos. Iso, sumado á migración do campo á cidade, fixo que o cultivo practicamente desaparecese.

minisatura lupuloPorén, en 2004 a Corporación Hijos de Rivera, que fabrica entre outras marcas as cervexas Estrella Galicia, decidiu rescatar un cultivo que axudase a introducir na Galiza o seu fundador, José María Rivera Corral. Agora é José Luis Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Cosecha de Galicia, a sociedade da corporación que se encarga do cultivo de lúpulo, toma o seu testigo e trata de espallar a superficie de produción na comarca de Betanzos con recursos propios, pero  tamén sumando ás persoas interesadas en apostar neste cultivo.

Na actualidade, os produtores contan con sete hectáreas nas que prima a variedade Nugget e que se reparten entre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), onde comezaron cunha parcela experimental en 2004 e agora teñen unhas dúas hectáreas; as 2,5 da cooperativa Lutega, e as algo máis de dúas hectáreas que xestiona directamente Cosecha de Galicia. A próxima primavera teñen previsto duplicar a superficie e incluír novas variedades, como a Cascade e a Galega.

Variedade propia

A Galega, como o seu propio nome indica, é unha variedade autóctona que xurdiu das investigacións levadas a cabo no CIAM nos últimos anos. Como explica Olmedo a Sermos Galiza, «é unha variedade de dupla actitude que presenta moi bo amargor e excelentes aromas», que é o que busca a cervexeira para darlle identidade ás súas gamas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]