Só 3 das 6 ofertas por Alcoa inclúen a factoría da Coruña

Só 3 das 6 ofertas por Alcoa inclúen a factoría da Coruña

Dúas corresponden a fondos de investimento e as outras catro a  grupos industriais.


As empresas interesadas en comprar Alcoa teñen predilección pola factoría de Asturies. Esta fábrica está presente nas seis ofertas de compra non vinculantes que recibiu a multinacional. A da Coruña só interesa a tres deses seis investidores.  Non se deu a coñecer que ofertas están interesadas en cada planta mais si quen está detrás das mesmas: son dous fondos (Liberty House e Quantum) e catro grupos industriais (entre eles Aludium e Glencore).

Algúns investidores son partidarios de adquirir as factorías completas. Outras optan por ficar só co forno de reciclado, o que se presenta como unha alternativa máis viábel pois permite producir aluminio de forma máis barata que empregando a electrolise.

Porén, os que opten por esta vía deberán procurar unha actividade industrial complementaria que lles permita asumir a totalidade de traballadores e traballadoras (370 na factoría coruñesa e 317 na asturiana). O mantemento do cadro de persoal e a elaboración dun plan industrial viábel e de futuro son dous requisitos que figuran no acordo de ERE asinado o pasado mes de xaneiro.

Por outra banda, o Estado español informou que ambas as dúas factorías ficaban excluídas das poxas de electricidade, algo ao que, afirma o goberno central, lle obriga a propia regulación da poxa.