Consello de Pescanova mantén a Sousa como presidente malia ser afastado da xestión polo xulgado


Consello de Pescanova mantén a Sousa como presidente malia ser afastado da xestión polo xulgado

O consello de administración que convocou por vía urxente ratificouno no cargo malia a oposición do segundo e terceiro accionistas maioritarios, que sumaban perto o 12% das accións

Como no corrido mexicano, Fernández de Sousa quere seguir “sendo o rei”. De Pescanova. E malia o que digan xulgados e administradores concursais. Segundo informa Europa Press, o consello de administración decidiu esta segunda feira manter como presidente a Fernández de Sousa. Un consello que o propio Sousa convocara vía urxencia o pasado venres.

Os representantes de Damm e Luxempart, segundo e terceiro accionista de Pescanova e que suman case o 12% das accións, volveron a pedir a demisión de Sousa. Mais esa petición ficou en nada ao non ter o apoio. O resultado foi de 6 a prol de manter a Sousa fronte a 4. Na xuntanza estiveron presentes representantes da auditora de Pescanova, Deloitte, pois é a que ten competencias en xestión e administración da pesqueira.

Fernández de Sousa está imputado por varios delitos.