PRECARIEDADE LABORAL

A taxa de conversión de contratos temporais en indefinidos é de 8%, 16 puntos por baixo da media da UE

A taxa de conversión de contratos temporais en indefinidos é de 8%, 16 puntos por baixo da media da UE
(BBVA)
(BBVA)  

A fraude detectada por Inspección de Traballo fixo que perto de 200.000 contratacións temporais pasasen ser indefinidas.


A taxa de conversión dos contratos temporais en indefinidos situábase, antes das reformas laborais,  por volta de 13% - anos 2006 e 2007mentres que esa porcentaxe en 2018 reduciuse a “un raquítico 8%, moi por baixo do 24% da media de conversión da UE”. Unha fenda de 16 puntos, segundo os datos que figuran no boletín de Saúde Laboral da CIG correspondente ao mes de outubro.

A actuación da Inspección de Traballo no pasado ano 2018 conseguiu que dos 970.838 contratos temporais convertidos a fixos, 194.295 (20%) dos mesmos fose transformados como consecuencia da fraude detectada pola Inspección, sinálase mesa revista, “o que supón a cifra máis alta de conversión dos últimos 12 anos”.

“A ninguén se lle escapa que o empresariado abusa e moito da contratación temporal provocando que o Estado español sexa líder absoluto europeo nesa modalidade de contratación que tantísimo dano está a facer á sustentabilidade do emprego”.

Para a Comisión Europea a temporalidade existente no Estado español non está xustificada polo gran peso específico que ten na economía o turismo ou o sector servizos, “sendo utilizada polo empresariado como unha fórmula de non compromiso co emprego e a estabilidade das relacións contractuais, na busca dun beneficio cada vez maior asumindo os mínimos riscos, nun exercicio de nula responsabilidade social empresarial. A temporalidade por exemplo na construción e na agricultura é un 30% maior que na media europea, un 15% maior na hostalaría, a sanidade e o ocio, e un 10% maior na industria ou no ensino”.

Mocidade

A taxa de temporalidade nas persoas asalariadas mozas na Galiza é case 30 puntos superior á media da Unión Europea e sitúase tamén por riba da media española. A fenda máis grande a respecto da media europea dáse nas persoas asalariadas con estudos superiores. Mentres na UE a eventualidade nese grupo é de 11,7% na Galiza está en 24,5%, o que supón duplicala.