JESÚS MÉNDEZ, DIRECTOR XERAL DA CAIXA RURAL GALEGA

“Ter o centro de decisión na Galiza é unha vantaxe competitiva moi grande”

“Ter o centro de decisión na Galiza é unha vantaxe competitiva moi grande”
Jesús Méndez [Imaxe: Cedida]
Jesús Méndez [Imaxe: Cedida]  

Jesús Méndez (Lugo, 1972) é desde 2008 director xeral da Caixa Rural Galega, entidade na que desenvolve a súa carreira profesional desde 1994 e na que, ao longo destes anos, asumiu diversas responsabilidades. A entidade presentou recentemente as contas de 2018, ano en que a Caixa bateu récord de beneficios. Méndez aponta unha explicación aos bos resultados: “Ser quen nestes anos de manternos independentes e próximos aos clientes e, ao tempo, dar todos os servizos innovadores e de primeira liña”.


A asemblea anual de Caixa Rural Galega aprobou recentemente as contas de 2018, ano que fechou cun beneficio récord de 5,4 millóns de euros e con activos que superan os mil millóns.

Satisfeitos?

A verdade é que si porque as marxes non paran de medrar e puidemos bater o noso récord grazas, fundamentalmente, a que fomos quen de aumentar os volumes. O mercado non medra moito, mais a caixa está gañando cota de mercado, o que nos permitiu ter máis marxe en 2018 e obter eses beneficios.

Os beneficios non son o fin último desta caixa pero si que son un medio para conseguir os nosos obxectivos

Os beneficios non son o fin último desta caixa pero si que son un medio para conseguir os nosos obxectivos. Nós ano a ano incorporamos ás nosas reservas o 90% do que conseguimos; deste xeito temos unha caixa máis solvente e con capacidade para asumir novos riscos, conceder novos empréstitos, etc. Para nós é importante ter beneficios para poder ser máis solventes e ser máis rendíbeis.

m_3_economiaNaceron en 1966 como unha entidade cooperativa. En que lles fortalece esta característica?

Agora somos 17.000 socios e socias. A Caixa Rural Galega exixe a cada un dos clientes que teñen operacións de activo, é dicir, empréstitos ou créditos coa entidade, subscribir unha cantidade moi pequena de capital, 60,10 euros para persoas físicas e o duplo para as xurídicas. Esa achega, que é unha achega ao capital social da caixa, dálles dereito a participar nas xuntas, actividades, etc., e unha participación nos beneficios.

Agora somos 17.000 socios e socias

A base, logo, é cooperativa. Os estatutos recollen que unha parte dos beneficios teñen que dedicarse a fins sociais. Ao tempo, somos unha sociedade privada porque se xestiona co que deciden os seus 17.000 socios e socias.

Son a única entidade que fica con centro de decisión na Galiza após a treboada de centralización e concentración financeira que acabou coa “galeguidade” das caixas, do Banco Popular, etc...

Temos sede na Galiza. Somos unha entidade completamente independente e os nosos servizos centrais están en Lugo. Todas as decisións tómanse aquí. Que ocorre? Que compartimos con outras 29 caixas uns servizos comúns que nos dan flexibilidade e achégannos unhas economías de escala moi grandes. De feito, compartimos con esoutras caixas unha compañía de seguros, un banco e unha central informática. Esas tres ferramentas son propiedade de todas estas caixas.

Temos sede na Galiza. Somos unha entidade completamente independente e os nosos servizos centrais están en Lugo. Todas as decisións tómanse aquí

Ademais, en 2018 obtivemos do Banco de España un recoñecemento regulatorio, un mecanismo institucional de protección que temos entre todas as caixas. Tradicionalmente, cando algún dos membros do grupo tiña un problema, o resto das caixas axudaban. Que fixemos en 2018? Constituír un fondo xa preparado para poder intervir en caso de que algunha das entidades tivese algún problema. Isto é moi ben visto polo organismo regulador, xa que afasta as posibilidades, no caso de que algunha caixa tivese problemas, de que houbese que resgatala con cartos públicos. Isto foi un esforzo moi grande mais, a cambio, o Banco de España deunos unhas vantaxes regulatorias importantes, que nomeadamente van dirixidas a un menor consumo de recursos propios entre as entidades.

Cal foi a política da Caixa Rural Galega nestes anos para non acabar sendo devorada nese proceso de centralización e concentración bancaria da que falabamos antes?

Os nosos órganos de decisión nunca quixeron entrar nesa dinámica. A maioría deses procesos de concentración foron derivados da crise dalgunha entidade. Na caixa tivemos os nosos problemas e dificultades, mais nada que non puideramos resolver. Non tivemos problemas para cumprir cos requerimentos que os reguladores nos puxeron. Pensamos que a nosa proximidade ao cliente, o feito de ter os centros de decisión o máis perto posíbel da realidade económica na que nos desenvolvemos, é unha vantaxe competitiva moi grande. Todo isto hai que poñelo en consonancia cunha eficiencia e unha innovación continua.

Os nosos clientes valoran moito ter unha caixa próxima e cos centros de decisión aquí, mais ao tempo temos que ser quen de poderlles ofrecer os produtos financeiros máis novidosos e todos os servizos que unha entidade financeira ten que dar

Os nosos clientes valoran moito ter unha caixa próxima e cos centros de decisión aquí, mais ao tempo temos que ser quen de poderlles ofrecer os produtos financeiros máis novidosos e todos os servizos que unha entidade financeira ten que dar. Isto é un pouco parte do noso segredo: ser quen nestes anos de nos manter independentes e próximos aos clientes e, ao mesmo tempo e a través das economías de escala das que falabamos anteriormente, poder dar todos os servizos innovadores e de primeira liña.

[Podes ler a información íntegra no número 355 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]