INFORME RENDAS SALARIAIS

Un terzo dos traballadores galegos ingresa como máximo o salario mínimo

Un terzo dos traballadores galegos ingresa como máximo o salario mínimo
Francisco Sío e Paulo Carril
Francisco Sío e Paulo Carril  

Este grupo aumentou en 5 puntos desde 2009. O de ingresos inferiores á metade do SMI, supón 18% das persoas asalariadas no noso país. Máis de 302.000  traballadores menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego. Son datos dun estudo da CIG sobre salarios. O sindicato chama a recuperar dereitos laborais e salariais a través da mobilización e a negociación colectiva.


O  Informe de Rendas Salariais elaborado pola CIG deita luz sobre a principal fractura que percorre Galiza: un país no que o medre das desigualdades e da precariedade vai da man da perda de capacidade adquisitiva da clase traballadora, da xeralización dos empregos mal pagados e de escasa duración,  onde unha de cada cinco persoas asalariadas apenas chega ós 2.000 euros brutos anuais ou onde un terzo da poboación ingresa, como máximo, o salario mínimo interprofesional.


A participación da poboación asalariada na renda segue descendendo pasando de 48% do PIB no ano 2009 ao 42,7% no terceiro trimestre do 2018. “Un descenso de 5,3% que mostra o profunda que é esta crise e as políticas de saqueo constante as clases traballadoras” porque nese mesmo período as rendas do capital medraron o 3,8%, indica Paulo Carril, secretario xeral da central nacionalista.

Desde o ano 2009 até o 2017 os salarios só aumentaron en 1,4%, mais “se temos en conta a inflación neste período, que foi do 11,4%, dános que a perda de poder adquisitivo real da poboación asalariada foi neste período do 10%”.

No ano 2009 os traballadores e traballadoras con ingresos menores ou iguales ao  SMI eran 26,6% do total, pero no ano 2017 foron 31,3%, case 5 puntos máis. O grupo de ingresos inferiores á metade do SMI, pasou de 14,5% no ano 2009 a 17,8% en 2017, sendo este o intervalo que agrupa o maior número de persoas traballadoras, cuns ingresos medios anuais de 2.020 euros.

Todo o emprego que se perdeu neste período foi entre os menores de 35 anos onde tamén descendeu máis o salario medio anual. “Son os que teñen os ingresos máis baixos e son os que máis descenderon en número neste período: reduciuse fortemente o número de traballadores con menos de 18 anos, concretamente 49,4%, pero aínda se reduciron máis os ingresos salariais deste grupo, xa que a caída dos mesmos foi do 69,1%, cunha caída de ingresos de 1.347 euros/ano”.

Entre os 18 e os 35 anos, descendeu o emprego asalariado máis dun 30%, 142.000 persoas menos, e entre os traballadores con idades entre os 18 e 25 anos os seus salarios descenderon 21,4%, 1.783 euros/ano menos.


As consecuencias

Medra o emprego precario, aumentando os traballadores pobres, que son 182.120, e ingresan a metade do SMI. Pérdese poboación activa por mor da crise e da emigración: 175.300 persoas menores de 40 anos dende 2009. Pérdese poboación ocupada porque o número de empregos perdidos desde que comezou a crise é de 103.000 dende o ano 2009. Pérdese tamén emprego entre a mocidade. Entre os menores de 34 anos a caída do emprego afectou 150.200 persoas. Medrou a taxa de temporalidade por riba de 27%, en 2017, un punto máis que no 2016 e o 15 % da poboación ocupada ten xornada parcial.

Perante esta realidade a CIG anunciou que defenderá toda unha serie de propostas, en materia de negociación colectiva, para defender ao longo de 2019 co obxectivo de combater esta situación e recuperar os dereitos laborais e salariais.


O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, é fundamental centrar a negociación colectiva na recuperación salarial, entendendo que os incrementos deben ser superiores ao que suba o nivel de vida porque “senón seguiría descendendo o peso dos salarios no PIB respecto do peso das rendas do capital”.

Para conseguir a recuperación salarial a CIG entende que os incrementos deberían ser, con carácter xeral, de arredor do 3%. Con respecto do SMI, que vén de situarse en 900 euros mensuais -56% do salario medio do Estado- a CIG defende que, tal e como marca a Carta Social Europea, este se sitúe en 60%, 992 euros.