Un total de 139 empresas abandonaron Galiza durante 2018 por outros territorios do Estado

Un total de 139 empresas abandonaron Galiza durante 2018 por outros territorios do Estado
Madrid absorbe 46% das empresas que marchan de Galiza para se instalar noutros territorios.
Madrid absorbe 46% das empresas que marchan de Galiza para se instalar noutros territorios.  

Esas empresas facturaban 101 millóns de euros. Máis de 46% das compañías que cambiaron o seu domicilio social a outra autonomía escolleron Madrid.


As machetas, titulares e editoriais só falan do cambio de domicilio de empresas (‘fuga de empresas’) en relación a Catalunya. Como se esta dinámica se limitase a ese territorio e motivada por unha causa política (procés). Mais o traslado de domicilio social dun territorio a outro non é unha novidade. Mesmo o goberno de Núñez Feixóo ordenou á Axencia Tributaria Galega que activase un plan de inspección sobre a fuga de empresas localizadas na Galiza a Madrid atraídas pola eliminación de trabas ou a menor presión fiscal. Os resultados desa inspección non se fixeron públicos.

O Informe que vén de publicar D&B sobre o cambio de domicilio de empresas deita luz sobre Galiza. En 2018 marcharon do noso país para se asentar noutros territorios do Estado 139 empresas. Facturaban entre todas elas unha cantidade que superaba os 100 millóns de euros (100,9 millóns). Neses mesmos 12 meses o país recibiu doutras autonomías 176 compañías. Un saldo positivo de 37 firmas. Porén, a facturación sumada de todas as empresas que durante 2018 optaron por se mudar a Galiza era de 96,6 millóns de euros, inferior á cifra de vendas das que marcharon do país.

E quen foron os territorios máis beneficiados pola saída desas empresas de Galiza? Madrid, en lugar destacado: acolleu 64 desas compañías, 46% do total. A seguir figuran Castela e León (11 empresas), Catalunya (10 compañías) e Asturies (outras 10). Nas empresas que viñeron aquí destacan as catalás (49) e madrileñas (49). 

Entre 2013 e 2016 foron 458 as empresas que mudaron o seu domicilio social, deixando Galiza por outra autonomía. Unha mudanza que implicaba, en termos de facturación, uns 540 millóns de euros. A principal beneficiaria destes traslados foi Madrid, que pasou acoller 207 desas 458 sociedades, e 67% deses 540 millóns de euros. Non é algo exclusivo de Galiza. Madrid, cabalgando no efecto capitalidade que lle permite unha política fiscal de mínimos, actúa como succionador de empresas de todos os territorios do Estado.

Reparto

De cada cen euros que ingresan pola súa actividade as industrias de actividades extractivas que operan na Galiza (auga, enerxía, residuos) 82 van para o peto das empresas que teñen a súa sede central fóra do noso país. Estamos falando de sectores estratéxicos da economía e que na Galiza benefician en grande medida firmas cos seus centros de decisión alén do Padornelo.

No caso da enerxía son tres xigantes, ningún deles galego, os que se reparten case todo o pastel: Naturgy (antes Gas Natural-Fenosa), Endesa e Iberdrola. Esta é unha realidade que se presenta diáfana: 34,1% dos beneficios da industria en Galiza lévano empresas con sede noutros territorios, porcentaxe ademais que é un aumento considerábel a respeito da parte do pastel que as firmas non galegas obtiñan no noso país en 2008 e que era do 28,5%.

Mentres aumentaba a parte de cifra de negocio industrial que as empresas con sede noutras autonomías obtiñan no noso país, diminuían as persoas que traballaban nas mesmas: en 2008 o 11,3% do cadro de persoal do sector industrial galego traballaba nesas compañías foráneas, en 2016 era 12,9%. A presenza de empresas con sede noutras autonomías non se restrinxe a estas ramas. Na metalurxia supón 60,4% da cifra de negocio. En 2008 era 21,4%. En cauchos e materias plásticas é 38,4% dos ingresos os que levan estas compañías, unha porcentaxe que en 2008 estaba en 27,5%.



x