As traballadoras de Endesa irán á folga pola parálise na negociación do convenio

As traballadoras de Endesa irán á folga pola parálise na negociación do convenio
Central térmica de Endesa nas Pontes. [Imaxe: arquivo/Endesa]
Central térmica de Endesa nas Pontes. [Imaxe: arquivo/Endesa]  Endesa
Os sindicatos UXT, CCOO e SIE convocan folga xeral en todos os centros da firma enerxética entre o 11 e o 15 de novembro.

Novo movemento sindical para tratar de desbloquear a negociación do convenio colectivo de Endesa. Desta vez, os sindicato UXT FICA, CCOO Industria e SIE acordaron levar a cabo unha folga xeral nos centros da enerxética do 11 ao 15 de novembro.

Segundo explicaron fontes sindicais, a decisións de chamar á folga produciuse nun punto no que a situación é “de todo insostíbel”. Por iso decidiron dar “un paso máis e endurecer as medidas de presión”.

O secretario xeral de UXT FICA, Pedro Hojas, criticou que a empresa non aceptase a solicitude para iniciar un proceso de arbitraxe que dea solución a un bloqueo que, segundo denunciou, “está a causar un enorme prexuízo tanto ás traballadoras e traballadores de Endesa como á imaxe da compañía”.

Nesta liña, indicou que “non é un bo precedente que a dirección rache co tradicional clima de entendemento nas relacións laborais que se viña practicando na empresa, nin axuda a superar a xusta indignación que senten as traballadoras ante unha posición de forza que non se sostén nin con argumentos nin con cifras”.  

Feche nas Pontes

As xornadas de folga non son as únicas actuacións que se levan a cabo para reclamar accións por parte da dirección de empresa. A pasada semana, un grupo de traballadoras iniciaron un feche no mercado das Pontes precisamente para criticar o inmobilismo de Endesa nesta negociación.

Tamén está prevista unha convocatoria de folga de horas extras da que está pendente o acto de mediación para dar conta da súa data de inicio.