Trump aplicará aranceis a produtos galegos como viño, conservas e lácteos

Trump aplicará aranceis a produtos galegos como viño, conservas e lácteos
Imaxe do porto de Vigo. Foto: cedida.
Imaxe do porto de Vigo. Foto: cedida.  

A Administración dos Estados Unidos anunciou unha suba do 25% ás exportacións da UE a partir do 18 de outubro e abre outra guerra comercial na que implicaría a produtos agroalimentarios galegos


A Organización Mundial do Comercio (OMC) autorizou os Estados Unidos esta pasada cuarta feira 2 de outubro impoñer aranceis por valor de 7.500 millóns de dólares a produtos europeos como resposta á axuda da Unión Europea (UE) ao sector da aviación. É a resposta de Donald Trump na guerra sectorial que están a levar a cabo Boeing e Airbus.

Galiza é un dos países afectados, ao contar cunha crecente presenza empresarial nos Estados Unidos. As exportacións galegas a ese país americano entre xaneiro e xullo de 2019 supuxeron, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), un total de 336 millóns de euros. Unhas 1.000 empresas contan con ligazóns importantes e traballan con ese país e mesmo a Xunta animou con encontros e visitas as relacións comerciais. En febreiro, Feixoo visitou os Estados Unidos e unha misión comercial formada por catorce empresas viaxou alá no mes de maio deste mesmo ano.

Viño, conservas e queixos os produtos máis prexudicados

A listaxe de produtos afectados é extensa. Vai desde o viño até os mexillóns pasado polo leite. No caso do viño a DO máis afectada sería a de Rías Baixas con 50 adegas. O presidente da Asociación Galega de Viticultura, Roberto Rivas, é contundente na súa primeira valoración. “É moi mala noticia”, asegura a Sermos Galiza, “Os Estados Unidos son o principal comprador no estranxeiro de viño galego, o noso mellor mercado e este tipo de decisións non nos facilita as cousas”. Rivas é o responsábel da Adega Moraima, de Barro, que dedica un 70% da súa produción á exportación. “E un 40% vai para os Estados Unidos”. Esta empresa fechou este ano un acordo con México, mais contaba con manter as vendas no país veciño.

Produtos lácteos, como o caso do queixo, tamén estarán afectados por estes aranceis. Unha das empresas que conta cos Estados Unidos como o seu mellor cliente é a Queixería Prestes de Vilalba. Maikel Fernández, o seu xerente, indica a Sermos Galiza que a exportación a ese país implica un 30% da produción da variedade San Simón, Tetiña e Azul. “Vai ser un auténtico problema, agora que tiñamos un acordo cunha cadea norteamericana para a nosa comercialización”.

Preocupación no sector da conserva

A Asociación Empresarial de Fabricantes de Conservas de Peixe (ANFACO) trasladou a Sermos Galiza a preocupación que mantén todo o sector diante estas medidas da Administración estadounidense. O seu secretario xeral, Juan Vieitez, non entende “por que os produtos do mar se incluíron na listaxe de produtos afectados, considerando que este sector é alleo á disputa comercial entre a UE e os EEUU, non pertence a ningún elemento da cadea de valor de produción aeronáutica”.

Vieitez sinala que na listaxe preliminar difundida, os produtos da pesca e da acuicultura afectados polo arancel de 25% son algunhas preparacións e conservas de marisco como o mexillón, as ameixas, os berberechos e as navallas. O secretario xeral de ANFACO advirte que “a lista non é a definitiva, polo que supón unha ameaza que poida xeneralizarse e estenderse a novos produtos”.

En ningún destes casos as empresas tiveron comunicación algunha por parte da Administración galega das medidas que se tomarán caso de confirmarse a aplicación destes aranceis.