ADMITE A TRÁMITE O RECURSO DE EN MAREA

O TSXG pídelle á Xunta que lle remita o expediente relativo á fusión das caixas

O TSXG pídelle á Xunta que lle remita o expediente relativo á fusión das caixas
Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza  

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admite a trámite o recurso formulado polo viceportavoz de En Marea no Pazo do Hórreo, Antón Sánchez. O tamén portavoz nacional de Anova denunciaba a "ocultación" de información por parte da administración galega e a consecuente violación dos seus dereitos como parlamentario.

5 días. Ese é o prazo que ten a Xunta de Galiza para lle dar traslado ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza do expediente administrativo relativo á fusión das caixas de aforro, proceso que conduciu á constitución da entidade financeira que agora está en mans do banqueiro venezuelano Juan Carlos Escotet.

Sánchez procura a documentación que agora exixe o TSXG á Xunta desde no mínimo 2013, sen resultado ningún. A última vez que demandou por escrito este material, preciso para coñecer as interioridades do proceso que resultou na desaparición das caixas galegas, foi en setembro pasado.

O parlamentario pondera que a resolución do seu recurso perante o TSXG vai ser rápida ao se tratar dunha cuestión atinente a unha pretensa "vulneración de dereitos fundamentais".

O viceportavoz de En Marea quere ter acceso á carta en que a Xunta encarregou unha auditoría das caixas á firma KPMG. Na misiva aparecerían aquelas cuestións que a xuízo do goberno galego terían de ser estudadas pola empresa auditora con vistas a lle dar ou non luz verde á fusión.

Esa sería "unha información fundamental para determinar a responsabilidade do goberno galego na fusión das caixas", apunta Sánchez, quen acrecenta que "ese documento desaparece misteriosamente e non se quere mostrar". 

En Marea tamén pide os informes dos técnicos da Consellaría de Facenda incluídos no expediente de autorización da fusión.



x