CAE NA PRIMEIRA METADE DO ANO UN 5,3%

O turismo de cruceiro encalla na Galiza

O turismo de cruceiro encalla na Galiza
MSC é unha das navieiras máis importantes do sector
MSC é unha das navieiras máis importantes do sector  
Os desexos do Goberno galego de incrementar o número de visitantes que chegan a Galiza por mar baten coa realidade dos números. Segundo as estatísticas de Portos do Estado, que agrupa as vinte e oito autoridades portuarias de interese xeral, as cinco dársenas galegas con esa categoría perden cruceiristas: é o segundo dado máis baixo desde hai un lustro. 

Desde hai anos a Xunta considera o turismo de cruceiro como un dos polos de actuación importantes para facer medrar o sector turístico na Galiza. Historicamente, o país, malia a súa situación privilexiada do punto de vista das rutas comerciais non foi un destino predilecto para as navieiras transnacionais que se dedican ao movemento de pasaxeiras e pasaxeiros, máis partidarias de escalas en lugares de clima máis cálido. 

Con todo, na última década tense consolidado un volume de cruceiristas que oscila entre os 280.000 e os 350.000 ao longo do ano nos catro dos cinco portos que rexistran algún tipo de tráfico deste tipo. Coa excepción de Marín-Ría de Pontevedra, onde as escalas de transatlánticos son inexistentes ou, no mellor dos casos, testemuñais, nas outras catro autoridades portuarias de interese xeral -é dicir, aquelas dependentes directamente do Estado-, A Coruña e Vigo, principalmente, e máis lonxe, Ferrol e Vilagarcía, a cifra de pasaxeiros desembarcados nas escalas das navieiras dedicadas a este tipo de turismo experimentou unha evolución certamente irregular. 

Impacto económico real

Fontes do sector apuntan á lentitude coa que mudan os hábitos e as preferencias das navieiras, e en xeral calquera tipo de tráfico portuario, como un dos principais obstáculos para atraer o seu interese. En ocasións, as bonificacións nas taxas de amarre pode ser unha opción, aínda que, por norma, non é Galiza actualmente un destino especialmente apetecíbel. 

Hai dúbidas tamén a respecto do impacto económico real deste tipo de turismo. En moitas ocasións, o tempo que as pasaxeiras e pasaxeiros teñen para coñecer os lugares que visitan é mínimo e o gasto na hostalería local -a manutención completa está incluída no propio billete- é polo xeral baixo. Noutros casos, os "tours" ofertados polas navieiras son pechados e inclúen visitas a lugares como Compostela, co que a súa estancia na cidade de desembarco é tamén cativa, 

As cifras revelan, de feito, unha caída, que pode ser conxuntural en función da programación de cada navieira, mais o certo é que a tendencia é ao estancamento. Os últimos datos consolidados, até xuño, rexistran unha caída do 5,3% no primeiro semestre do ano. En 2018, máis de 140.000 turistas estranxeiros visitaran os portos galegos de interese xeral; este ano, a cifra non chega aos 133.000. O deste exercicio é, de feito, o peor dato do último lustro e moi inferior aos 159.000 de 2011 ou os máis de 181.000 que visitaron vía marítima o país o ano seguinte.