Vicent Cucarella “O capitalismo é incompatíbel cunha sociedade sustentábel”

Vicent Cucarella “O capitalismo é incompatíbel cunha sociedade sustentábel”
[Imaxe: cedida] Vicent Cucarella, autor de 'Economía por un futuro sustentábel'
[Imaxe: cedida] Vicent Cucarella, autor de 'Economía por un futuro sustentábel'  
Vicent Cucarella Tormo (País Valenciano, 1967) é un economista que actualmente exerce como síndic major de comptes da súa comunidade. Especialista en financiamento autonómico, autor de diferentes traballos de referencia, aproveitamos a tradución ao galego da súa Economía por un futuro sustentábel para coñecer as teses centrais do seu traballo e analizar a situación económica actual.

m_3_EconomiaAfirma no seu libro que a crise de 2008 provocou un cambio na percepción social dos economistas. Porén, isto non significou unha mudanza no paradigma dominante dentro da disciplina. Que explicación lle dá a isto?

A visión existente antes da crise, cando se pensaba que os economistas dominaban todas as esferas do saber –e eu son economista e, polo tanto, asumo na parte que me toque a responsabilidade de ter contribuído a esa percepción–, desaparece cando chega a crise e a xente comeza a ver as debilidades da economía e a caer na conta de que os fenómenos económicos non son doados de predicir. Porén, a visión estabelecida da economía considerada “ortodoxa” segue a ser a mesma, unha economía moi ligada a unha visión neoliberal, onde o que importa é o mercado e a necesidade dun crecemento permanente. Se ben é obvio que non todos os economistas partillamos esa percepción, tamén é certo que esa economía máis crítica aínda está nas marxes e carece de apoio social. E iso é difícil de mudar porque a visión que se traslada desde os medios de comunicación é que o progreso se mide co PIB e que este debe subir con independencia do que o faga subir.

En relación con isto, unha das teses centrais do seu traballo é que estamos diante dun novo escenario social e económico. Cales son os eixos básicos que o determinan?

Non nos damos de conta de que estamos chegando ao límite dun sistema que até agora funcionaba máis ou menos ben porque non acadaba as súas fronteiras, pero agora estamos vendo as súas tensións. Durante unhas cantas décadas medramos de xeito continuado e chegamos a pensar que sempre foi así, pero a realidade é que isto é algo moderno e só é posíbel botando man duns recursos moi escasos, particularmente no plano enerxético dos combustíbeis fósiles, mais tamén duns minerais que están no límite de extracción. Cando falamos de que a economía debe seguir medrando, non nos damos de conta que isto non é posíbel. Por exemplo, medrar un 3% anual significa que a produción e o consumo se duplique cada 25 anos. As economías occidentais non poden seguir perseguindo este obxectivo porque o petróleo cru xa superou o seu cénit, o gas estase achegando ao mesmo e os minerais e as terras raras atópanse xa nunha situación límite. Imponse polo tanto deixar de falar de crecemento e defender un mellor reparto do traballo, uns novos criterios de distribución da riqueza ou comezar a consumir moito menos, tamén para traballar moito menos. Agora ben, introducir este debate na sociedade é difícil se non hai detrás unha conciencia xeral nesa dirección, e esta non se crea porque os medios de comunicación e a publicidade seguen bombardeando noutro sentido.

Un dos eixos chaves da súa análise é a necesidade dun novo paradigma económico. Sobre que bases debe formularse?

O novo paradigma debe respectar o medio ambiente no que se move, polo que non debemos formular alternativas que non sexa sostíbeis, entendido isto como non consumir máis do que o planeta sexa capaz de rexenerar. Desde a década dos 80 até hoxe estamos producindo moito máis do que o planeta pode rexenerar, até o punto de que serían necesarios 1,7 planetas para rexenerar o que consumimos nun ano, e mesmo hai lugares onde esta cifra supera os 5, como Estados Unidos; os 7,5, como Luxemburgo, ou os 2,4 do Estado español. Non podemos, polo tanto, manter unha estrutura social que consome moito máis do que é capaz de rexenerar porque, se non, estamos quitándolles ás sociedades futuras a posibilidade de gozar daquilo que nós temos hoxe. Debemos preguntarnos cal é o xeito de conseguir un planeta sostíbel. Apostando nunha economía que respecte eses límites naturais, o que implicaría consumir e producir moito menos e necesariamente non significaría menos benestar. Se ben é certo que nas etapas iniciais do desenvolvemento dunha sociedade o benestar vai ligado ao crecemento, cando xa temos unhas sociedades como as occidentais, onde xa contamos con practicamente todo, seguir medrando non achega máis benestar. É máis, reducir o consumo iría no camiño de aumentar o benestar, pero isto implica un mellor reparto da renda e unhas actividades máis cooperativas. Non estamos aproveitando a mecanización para ter máis tempo, e isto é debido a que nos estamos equivocando como sociedade, inventándonos unha serie de necesidades ficticias que nos obrigan a seguir tirando do carro.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]