Villar Mir vende Ferroatlántica por 170 millóns de euros a un fondo estadounidense

Villar Mir vende Ferroatlántica por 170 millóns de euros a un fondo estadounidense
Foto: Ferroglobe
Foto: Ferroglobe  

A operación inclúe as plantas hidroeléctricas e factoría de ferroaleacións que o grupo ten na Galiza. O grupo prevé ter fechada a venda no terceiro trimestre, unha vez obtida a autorización da CNMC e Xunta.


O Grupo Villar Mir vende o complexo Cee-Dumbría e as centrais de Xallas ao fondo TPG Sixth Sreet Partner en alianza coa española Ithaka por 170 millóns de euros, segundo informou Ferroglobe - que ten 55% de Ferroatlántica- esta madrugada.

A operación foi comunicada ao SEC, regulador bursátil estadounidense, e supón o traspaso de dez plantas hidroeléctricas cunha potencia de xeración de 167 megavatios e da factoría de ferroaleacións de Cee-Dumbría. Fica fóra a planta de Sabón, especializada en producir silicio de metal.

Villar Mir prevé fechar esta venda no terceiro trimestre deste ano, unha vez que obteña a autorización da Comisión Nacional dos Mercados e Competencia (CNMC) e da Xunta de Galiza. A operación enmárcase na necesidade de vender recursos que ten o grupo para facer fronte á ampla débeda que posúe.

Ferroatlántica e Ferroglobe seguirán vinculadas a través dun acordo de longa duración mediante o cal a primeira será receptora dos produtos elaborados pola segunda. Ferroglobe comprométese, pola súa banda, a achegar materias primas “chave”.

TPG manifestou o seu compromiso de "protexer as condicións laborais de seguridade dos traballadores", a "sostibilidade do negocio" e a súa vontade de "reforzar o tecido industrial da Galiza".

O comité de Ferroatlántica Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas mantivo a finais de maio reunións cos catro grupos parlamentares para trasladarlle a súa preocupación pola que vaticinaban previsíbel venda do complexo industrial e dos saltos de auga e reclamarlles que esixisen á Xunta que faga valer as cláusulas concesionais para evitar esta segregación encuberta. A sección sindical da CIG advirtía entón que con esta operación o Grupo Villar Mir pretendía afrontar parte da millonaria débeda adquirira noutros sectores do grupo, nomeadamente pola construtora OHL.