Villares pide unha "negociación bilateral" ao Goberno Sánchez se quere o apoio de En Marea aos orzamentos

Villares pide unha "negociación bilateral" ao Goberno Sánchez se quere o apoio de En Marea aos orzamentos
Luís Villares
Luís Villares  

Villares ponse á frente da oposición da confluencia aos orzamentos do estado, pactados nas súas liñas mestras polo PSOE con Podemos. Cun discurso notoriamente máis duro que o empregado pola representación de En Marea en Madrid, o portavoz orgánico e parlamentar do partido instrumental pide "unha negociación bilateral" para mudar de "xeito substancial" as contas. A alteración dos orzamentos é condición sine qua non para teren o apoio de En Marea no Congreso.

 


"O noso compromiso político é con Galiza e exixiremos ao goberno de Pedro Sánchez que cumpra ou non haberá apoio de En Marea aos orzamentos presentados polo goberno central", dixo Luís Villares esta terza feira en conferencia de imprensa.

O que vén propor o portavoz da confluencia é a abertura dunha vía de negociación bilateral co executivo de Sánchez para a modificación das contas no que teñen a ver cos investimentos territorializados na Galiza. De non se ver atendida esa petición, avanzou Villares, os votos de En Marea no Congreso serían contrarios ás contas.

Villares falou en todo momento en nome do grupo de Madrid, embora este estar controlado polo sector crítico, isto é, polos partidos (Anova, Podemos e Esquerda Unida) que cuestionan a lexitimidade do seu liderado ao fronte do partido instrumental.

O grupo de En Marea como tal, integrado na agrupación parlamentar que preside Pablo Iglesias, emitiu un comunicado sobre os orzamentos do estado no serán da segunda feira. Nel combínabanse dous relatos. Un, positivo, o de recoñecer nas contas o seu perfil social —rasgo que atribuén "ao noso acordo co executivo". Outro, negativo, o de criticar a aplicación concreta dos orzamentos a Galiza en materia de investimentos. Aí nese plano a En Marea que neste momento lidera Yolanda Díaz no Congreso —a portavocía é rotatoria— cualificou de "inadmisíbeis" os orzamentos por reducir o gasto do estado no país.

En todo caso, Villares deu por suposto que as e os parlamentares de En Marea en Madrid non darán luz verde ás contas se estas non se ven substancialmente alteradas. A proposta de orzamentos, alegou, constitúe "unha provocación, un despropósito e unha fuga de oportunidades laborais, sociais e económicas para o noso país", dixo.



x