ANDRÉS GARCÍA, VOCEIRO DE ACERGA

“Volvemos ao mar porque hai que comer, mais non abandonamos a batalla”

“Volvemos ao mar porque hai que comer, mais non abandonamos a batalla”
Andrés García
Andrés García  

O cerco pon fin a tres meses de amarre da frota e de campamento perante a sede da Xunta para reivindicar un reparto xusto. Rexeitan calquera tentación de presentar a decisión como unha derrota. 


“Levamos máis de tres meses batallando por un reparto xusto para o cerco”, lembra Andrés García, voceiro da Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga), en referencia ao tempo de amarre da frota e campamento perante San Caetano. “Levamos dous anos, desde que se impuxo o novo Plan de Xestión”, afirma. Conversamos con el horas despois de que Acerga decidise nunha axustada votación en asemblea volver faenar e levantar o campamento

- Non foi unha decisión doada, supoño

- Non foi, non. Adoptouse porque hai que traballar, senón imnos ao mar non hai ingresos e foron moitos meses de amarre. Hai que saber o que pasa cada quen, os problemas que teñen: armadores empeñados, créditos que hai que pagar... E, ademais, hai outra cuestión a ter moi en conta, acabábase o dereito ao paro dos mariñeiros, e iso é toda unha responsabilidade. Se non hai ingresos, non podes comer.

- Non foi cansazo, logo, o que pesou...

- Nós imos seguir adiante, pelexando polo que é xusto. Volvemos ao mar mais non abandonamos a batalla. Agora haberá que traballar noutros aspectos, involucrando aos partidos, esperando a ver se a chegada dun novo goberno permite cambiar o actual plan de xestión, que é inxusto

- Decepcionoulles a actitude da Consellería do Mar e da Xunta?

- Totalmente. En ningún momento afrontou o problema. Intentou sempre derivar a solución a Madrid, como se non fose con eles. Tiñan que tomar exemplo do que aconteceu en Cantabria co cerco: alí estaban divididos, con intereses enfrontados, e o goberno cántabro reuniunos a todos e logrou atopar unha solución. Agora vaise xestionar a cota cántabra en conxunto. Algo así podía terse feito en Galiza e aforrariamos moitos problemas.

- Que lograron nestes meses de mobilizacións e reivindicacións constantes?

- Foron máis que uns meses, van ir dous anos, desde 2014 no que se implantou o Plan de Xestión. Que conseguimos? Pois visualizar un problema, que había unha inxustiza con gran parte da frota cerqueira galega. Logramos que, finalmente, a propia Xunta tivese que recoñecer ese problema e comezar a moverse, recoñecer que non pode ser que haxa un reparto tan desigual, con barcos con menos de 1000 quilos de tope e outros con ducias de miles.

- Mais iso non satisfai as súas demandas e peticións...

- Imos seguir loitando, desde logo. Imos recorrer xudicialmente e imos seguir a presionar e a movernos até lograr que se anule o reparto. Iso é o principal.