Xosé M. Otero, Hostalería Compostela: “Pagamos as consecuencias dunha mala inversión en promoción”

Xosé M. Otero, Hostalería Compostela: “Pagamos as consecuencias dunha mala inversión en promoción”
Xosé M. Otero, pres. da Asoc. Hostelaría Compostela
Xosé M. Otero, pres. da Asoc. Hostelaría Compostela  SG
A ocupación hostaleira en Compostela non chegou ao 40% esta ponte festiva no Estado español. Este dato negativo pon en alerta ao sector de cara ás festas de Nadal que manterá unha reunión os vindeiros días para analizar as razóns e buscar solucións ao problema. Xosé Manuel Otero, presidente da Asociación Hostalería Compostela pon enriba da mesa dúas cuestións: o sistema de aeroportos galego e a promoción.

Que resultados de ocupación ten Compostela esta ponte?

Non está indo como debera porque temos menos dun 40% de ocupación media nos hoteis de Compostela, unha ocupación moi baixa posto que nestas datas debería ser un pouco máis alta. Temos unha reunión para este mesmo mes de decembro que se presenta moi pero que moi mal. Se non conseguimos nin ter un 40% nesta ponte, imaxine o que será de aquí a final de ano...

Cal é a razón destes datos tan negativos?

A crise por unha parte e a depresión colectiva que sofre este país por outra. Esta ponte nútrese de turismo do Estado español, o festivo é pola Constitución e a Inmaculada, e non ten incidencia no turismo estranxeiro. Este último turismo ven moito menos no inverno, o mal tempo non anima a que veña. Ademais o sistema de aeroportos que temos no noso país non é axeitado para que exista un fluxo de turismo correcto.

"Comézase a casa polo tellado. Quen fai agora a promoción dedicábase a outras cousas antes"

É boa a promoción da cidade?

Comézase a casa polo tellado. Quen fai agora a promoción dedicábase a outras cousas antes. O importante na promoción é tamén calcular como vai vir esta xente. pagamos as consecuencias dunha mal inversión, neste caso. Hai poucos recursos e se non se optimizan como se debera. Hai que facer unha promoción en temporadas baixas, onde podas canalizar ben o transporte cara o destino, senón non vale de nada. Tamén incidir en lugares onde xa hai destinos directos ou hai previsión de que se vaian poñer.

Non haberá máis inversión no propio camiño que na cidade?

O Camiño é un dos mellores inventos que se fixeron para a promoción deste país. Se se coñece Galiza e Compostela é polo camiño. Outra cousa é que se empregue mal en temas como o do Xacobeo. O camiño colócanos no mapa todos os días.

As actividades que ten a hoxe a cidade son atractivas para que veña o turismo?

O segundo motivo importante polo que se visita Galiza é pola gastronomía. Temos fama de que se come ben e os prezos non son caros. A cidade de Santiago tamén ten o seu atractivo cultural. Habería que potenciar uns percorridos polos numerosos monumentos que temos e agora non están abondo potenciados. Quizais tentar facer uns roteiros para prolongar a estancia mínima.