Xabier Pérez Dávila: “Os recortes do PP nas pensións aumentarán a pobreza e beneficiarán os bancos”

Xabier Pérez Dávila: “Os recortes do PP nas pensións aumentarán a pobreza e beneficiarán os bancos”
Xabier Pérez
Xabier Pérez  

Profesor, economista e sindicalista, Xabier Pérez Davila vén de publicar o libro A batalla polas pensións (1981-2013) (Estaleiro Editora), un volume  no que bota abaixo a falacia da crise do sistema de pensións que o PP converte en argumento para xustificar os recortes. Pérez Dávila sostén que o sistema é sólido e a reforma responde a intereses do capital financeiro. 


-A situación do sistema de pensións xustifica unha reforma?

O sistema funciona como unha caixa única para todo o Estado, nacións e comunidades autónomas. A máis de 16 millóns de persoas detráeselles unha cantidade en concepto de cotización que pasa directamente ás contas correntes das persoas pensionistas, que son 9 millóns. É dicir, as persoas que traballan financian as pensións das pensionistas. Eses cartos non se gardan, é un sistema de reparto directo, agardando as que agora cotizan que cando envellezan outras paguen as súas pensións. É dicir, están financiadas ao cento por cento polos traballadores e traballadoras. Até o ano 2010, xa avanzada a crise, o sistema tiña superavit, é dicer, sobraban cartos. Con parte dese diñeiro encheuse o peto que se coñece como Fondo de Reserva. Chegou a ter case 70.000 millóns de euros. Nos últimos anos comeza a ter déficit a consecuencia do baixo número de cotizantes debido ao aumento do desemprego. De todas maneiras, o déficit non é preocupante, en especial, vindo de dez anos de superávit e non xustifica os recortes. 

-Ese déficit é menor que o que supuxo o rescate bancario? 

É máis pequeno. No ano 2011, o primeiro en que o sistema incorreu en déficit, este ascendeu a menos de 3.500 millóns de euros. o Banco de España calcula que as axudas públicas á banca desde 2009 supoñen máis de 61.000 millóns de euros, a Comisión Europea dá unha cifra máis alta, 100.000 millóns. O problema non está no sistema de pensións senón nunha política económica que afecta unha de cada catro persoas que quere e non vai atopar un posto de traballo. Necesítase unha política económica que nos permita xerar emprego e cotizantes para o sistema. Alarmante é que o FMI afirme que ate o ano 2018 a taxa do paro non vai baixar do 25%. 

"O déficit era en 2011 de 3.500 millóns de euros. o Banco de España calcula que as axudas públicas á banca desde 2009 supoñen máis de 61.000 millóns de euros"

-Como ve a reforma coa que ameaza o PP?

O sistema sufriu dúas reformas para reducir o importe das pensións A primeira foi posta en marcha por Zapatero e provocou a convocatoria dunha folga xeral e incluía, entre outras modificacións, un aumento dos anos de cotización necesarios para cobrar o cento por cento da pensión e o atraso da idade de xubilación. Antes de que esa reforma entre en vigor na súa totalidade, o PP propón unha nova que probabelmente aprobe antes de fin de ano con dous novos obxectivos de recortes. O primeiro é que as pensións iniciais sexan máis baixas. Introdúcese un mecanismo polo cal a pensión calcúlase en función da esperanza de vida e, polo tanto, se se espera que cobres máis anos vas cobrar menos cantidade. O segundo obxectivo, moi importante, é mudar o sistema polo que se determinan as subidas das pensións. O Pacto de Toledo recolle que as pensións subirán cada ano en función do IPC do ano anterior, o que garante que non se perda poder adquisitivo. Agora introdúcese unha fórmula pola que, cando menos nos anos de crise, subirán só un 0,25 % o que producirá un maior empobrecemento de pensionistas. 

-Pode traducir o que significará a nivel económico esa política de recortes das pensións?

Para iso é importante entender o marco no que se sitúan estas reformas. Os obxectivos aos que me refería son intermedios, mais o obxectivo final é que diminúa o gasto en pensións e sementar na poboación, en especial a de ingresos medios e altos, a idea de que a súa pensión no futuro vai ser pobre ou insuficiente co fin de que decidan subscribir fondos de pensións privados que xestionarán entidades financieiras e empresas dedicadas a fondos de pensións. 

-Nun tempo de diminución do consumo, esa alarma xa está a provocar o aumento dos plans de pensións?

Está. Nos anos noventa institucións como La Caixa e FEDEA publicaron estudos que prognosticaban que a Seguridade Social estaría crebada no 2000. Non crebou senón que obtivo superávit, mais conseguiron que moitas persoas subscribisen plans de pensións privados. No 1994 é o propio Banco Mundial o que publica un relatorio que se considera o inicio do debate sobre o sistema de pensións e no que se propuña reducir os sistemas públicos de reparto, facer que as pensións sexan máis pequenas para substituílas por sistemas de capitalización xestionados privadamente. Acaso di que desta maneira as pensións serán máis dignas? Non o que di é que iso permitirá a ampliación dos mercados de capitais. Está escrito no relatorio con esa claridade.

-Que suporá iso no cambio do sistema de pensións?

Cada traballador ou traballadora mensualmente detrae unha cantidade que non se utiliza para pagar as pensións, senón que é depositada nun banco que a inviste, por exemplo, en accións. A pensión de cada persoa dependerá do volume de aforro acumulado e do rendemento dese aforro durante vinte ou trinta anos. Este sistema xa existe no mundo anglosaxón e provoca o que Robin Blackburn chama estado de benestar dividido. O 10% de persoas de ingresos máis altos cando se xubilan teñen importantes cantidades aforradas e gozan dunha xubilación boa e o 90% restantes só poden achegar pequenas cantidades co cal teñen pensións de miseria que non queda máis remedio que completar con cartos públicos. Nos Estados Unidos, con este modelo, a taxa de pobreza supera o 20% das persoas maiores, tratándose dun dos países máis ricos. 

"Un informe da Comisión Europea fala de que o gasto en pensións do Estado español no ano 2010 era exactamente do 10,1% do Produto Interior Bruto cando na Unión Europea é do 11,3%" 

-A reforma contribuirá entón a un cambio de xestión pública cara a privada?

Ao que aspira o capital é a facerse con sistemas rendíbeis e para impedírmolo temos que entender que esta é unha loita de desgaste de décadas, dun intento de mercantilización de ámbitos da vida dos seres humanos que conseguiramos que se protexesen mediante servizos públicos despois de moita loita. Cómpre que defendamos o sistema de reparto existente, que aínda é sólido, como a educación ou a sanidade. O déficit anual é moito menor, como dicía, do que se lle adicou ao rescate á banca. A xestión pública e non polo mercado de sanidade, educación e pensións era unha garantía para as nosas vidas. O que tiñamos para vivirmos con dignidade en situación de dificultade. A alternativa aos recortes é a mobilización e levar ao parlamento forzas comprometidas coa igualdade social e os servizos públicos. 

-Os principais beneficiarios da reforma son entón o capital financieiro?

Intenta espallarse entre a poboación a idea de que se gasta moito en pensións. Un informe da Comisión Europea fala de que o gasto en pensións do Estado español no ano 2010 era exactamente do 10,1% do Produto Interior Bruto cando na Unión Europea é do 11,3%  e nun país como Austria alcanzaba o 14,1º%, é dicir, catro puntos máis ca nós e coas contas públicas equilibradas. Por que acontece isto?  Porque recadan máis impostos dos que máis teñen. Aquí estanse a recadar menos impostos que a media da Unión Europea. O problema non é que gastemos moito, é que se recada pouco e case todo dos traballadores e traballadoras. A Comisión Europea prevé que para o ano 2060 o gasto en pensións estará no 13,7% , aínda por baixo do que se gastou no último ano en Austria, mais o PP  fai a reforma para baixalo. Se a porcentaxe de persoas que cobran pensión é maior e impedimos que aumente o gasto, a consecuencia será índices de pobreza máis altos entre as persoas pensionistas. O sistema non se ten que financiar só con cotizacións sociais senón tamén co incremento dos impostos, por exemplo o de sociedades. 

-Que beneficios lle reportan ás entidades financieiras os fondos de capitalización privada?

Sempre poño un exemplo gráfico que é a imaxe do presidente do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria , Francisco González e o do Banco Santander, Emilio Botín vendo pasar as cotizacións de traballadores e traballadoras diante dos seus ollos sen as poder tocar. Son máis de 100.000 millóns de euros cada ano. Anceian que, cando menos unha parte, se depositase en fondos que eles mesmos xestionarían e polos que cobrarían importantes comisións. Os gastos de administración e xestión no sistema público son de pouco maís dun 3% das cotizacións, mentres que nos plans privados superan o 13%. Os plans de pensións incrementáronse pola “presión comercial exercida polas entidades financeiras” que “buscaron novas vías para obteren ingresos, e unha das máis importantes son as comisións procedentes de plans de pensións” como recoñece un relatorio da propia patronal publicado no ano 2010.