Xanelas e balcóns piden dignidade para Ferrolterra

Xanelas e balcóns piden dignidade para Ferrolterra

As organización sindicais comezaron un reparto masivo entre a cidadanía de bandeiras e cartaces exixindo solucións para unha comarca mallada polo desemprego. O obxectivo: que fiestras e balcóns de vivendas, locais, establecementos e edificios sexan espello desa reclamación.  


CIG, CCOO e UGT están a repartir por Ferrol, Eume e Ortegal bandeirolas e cartaces co mapa da comarca debuxado e a lenda 'Ferrolterra exixe solucións'. A intención, que vilas e barrios estén ateigados de xanelas, escaparates, portas, balcóns con esas bandeiras. Visualizar así a demanda de solucións e de compromisos ás diferentes administracións para unha comarca arrasada polo desemprego e o abandono.

Os sindicatos afirman que queren implicar “a todos os colectivos e asociacións da comarca na demanda de actuacións políticas urxentes que poñan freo á grave situación socio-económica da bisbarra e garantan o seu futuro”.

Acción reivindicativa o 29 de novembro: Levar cabazas e fachos!

Dentro desta campaña, as organizacións sindicais teñen convocada unha primeira acción reivindicativa que terá lugar o venres 29 de novembro, a partir das 21:00 horas, na Praza de Armas. A intención é representar unha noite de defuntos “porque así é como se atopa a comarca: nunha situación absolutamente desesperada”, apuntaba o co-voceiro da CIG-Ferrol durante a presentación pública da iniciativa a pasada semana.

Para darlle máis visibilidade a esta primeira protesta, dende as centrais sindicais chaman a acudir á concentración levando cabazas e fachos. Tamén se están mantendo contactos con persoas do mundo da cultura para que tomen parte da protesta con lectura de textos, actuacións musicais, etc.

A campaña 'Ferrolterra esixe solucións' nace con vontade de constituír unha mobilización sostida no tempo e na que se  implique toda a cidadanía, recollendo así a forza reivindicativa amosada na exitosa folga comarcal do 12 de xuño.