A Xunta aumenta o teito de gasto para 2019 en 3,8%: ascende a 9.850 millóns de euros

A Xunta aumenta o teito de gasto para 2019 en 3,8%: ascende a 9.850 millóns de euros

O Consello da Xunta aprobou esta cuarta feira un teito de gasto non financeiro para 2019  que ascende a 9.850 millóns de euros, un 3,8% máis que o orzamento aprobado para este ano. Isto supón que o gasto para o vindeiro exercicio poderá aumentar até 363 millóns de euros respecto ao orzamento para 2018.

Tal como avanzara esta terza feira o presidente da Xunta no debate de política xeral, o Consello aprobou o teito de gasto para poder presentar “en tempo e forma os orzamentos” do vindeiro exercicio. Dos 9.850 millóns de euros de límite de gasto aprobado 9.756 son ingresos non financeiros, 69 proceden do obxectivo de déficit e 25 millóns de axustes de contabilidade nacional.

A Xunta  prevé que neste 2018 a economía galega rexistre un mellor comportamento do previsto. O novo cadro mostra que o PIB de Galiza medrará este ano 2,8%, tres décimas máis do estimado nos orzamentos en vigor.



x