A Xunta deberá permitir alugar habitacións nos apartamentos turísticos

A Xunta deberá permitir alugar habitacións nos apartamentos turísticos
Praza do Campo, en Lugo [Imaxe: Turgalicia]
Praza do Campo, en Lugo [Imaxe: Turgalicia]  

O Supremo estima en parte as alegacións da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e a Administración do Estado contra a norma galega de apartamentos turísticos da Galiza.


A Xunta finalmente deberá dar o seu brazo a torcer, en parte. A Sala III do Tribunal Supremo vén de aprobar parcialmente o recurso de casación presentado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a Administración do Estado contra varios artigos da regulación galega de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico.

En concreto, o Alto tribunal ordenou anular dous artigos que fan referencia á prohibición de alugar estas vivendas por habitacións. En concreto, estes artigos (o 4.2 e o 5.1 agora anulados polo Supremo) fan referencia a que a cesión de vivendas turísticas e de vivendas de uso turístico “será da totalidade da vivenda, sen que se permita a cesión por estancias”.

Neste senso, o Supremo tampouco aprecia “a concorrencia de razóns de interese xeral que puidesen xustificar prohibición de alugar vivendas vacacionais en zonas de uso residencial”, como pretendía a Xunta ante a posíbel “perturbación da convivencia” desta actividade.

Artigos sen cambios

Pola contra, o Alto tribunal mantivo sen cambios algúns aspectos da regulación galega que tanto a CNMC como a Administración do Estado pretendían modificar, como a mudanza do período de aloxamento a tres meses, que o Supremo ve como “un límite” e non unha prohibición; o réxime de acceso a actividade; a clasificación de requisitos de calidade ou a habilitación aos concellos para prohibir ou limitar o número de vivendas. Todos eles seguirán como están.