A Xunta propón axudas para que as empresas se asesoren sobre o Brexit

A Xunta propón axudas para que as empresas se asesoren sobre o Brexit
[Imaxe: Xunta da Galiza] Reunión do Grupo Interdepartamental.
[Imaxe: Xunta da Galiza] Reunión do Grupo Interdepartamental.  

A principal proposta da reunión mantida esta cuarta feira, día 2 de outubro, do Grupo de Traballo Interdepartamental do Brexit é un “cheque” para pagar gastos derivados de asesorías e consultorías.


Agardábase algo máis da reunión mantida esta cuarta feira, 2 de outubro, por parte do Grupo de Traballo Interdepartamental do Brexit, unha proposta anunciada este mes polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para achegar solucións ás problemáticas que poderían afectar as empresas que traballan no Reino Unido.

Alfonso Rueda, Vicepresidente da Xunta, explicou en rolda de prensa após a xuntanza desta cuarta feira, na que participaron tamén as Consellarías de Facenda, Sanidade, Medio Rural e Mar, que a principal proposta sería a aprobación dun “Cheque Brexit”. Este consistiría nunha liña de axudas para as empresas galegas afectadas que precisen de asesoramento para se adaptaren ás novas normas que entren en funcionamento, previsibelmente, logo do 31 de outubro.

O Brexit na Galiza tería unha especial incidencia en determinados sectores. Por exemplo, no pesqueiro embora o noso país conta con 110 buques, 96 empresas e 700 tripulantes. Rueda pediu “coordinación” co Goberno español neste tema.

En relación coa presenza galega no Reino Unido, Rueda lembrou a defensa dos dereitos das 14.000 persoas emigrantes do noso país que viven no Reino Unido, así como das 1.000 residentes británicas na Galiza, mais non anunciou medidas concretas.