A xustiza decreta o embargo do patrimonio do expresidente de Pescanova

A xustiza decreta o embargo do patrimonio do expresidente de Pescanova
Fernández de Sousa
Fernández de Sousa  

Fernández de Sousa ocultara ao xuíz parte dos seus bens. Está imputado xunto á antiga cúpula da empresa polo buraco patrimonial que deixou a pesqueira galega ao bordo da quebra. 



O patrimonio do expresidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, ficará baixo embargo preventivo. O Xulgado Central de Instrución número 5 de Madrid decretou a medida como garantía para o aboamento da fianza de 158 millóns de euros imposta contra Fernández de Sousa, principal imputado polo buraco financeiro que deixou a pesqueira galega ao bordo da quebra.

A decisión é un dos últimos pasos antes do peche do sumario de Pescanova, após dous anos das primeiras denuncias. Fernández de Sousa está imputado xunto á cúpula da empresa por presunto falseamento das contas anuais e da información económica, así como dun delito de uso de información relevante, cando vendou parte da súa participación ante a inminente bancarrota da pesqueira.

Os bens embargados ao expresidente de Pescanova son dúas propiedades no Escorial (Madrid) e Mérida (Extremadura), un vehículo de alta gama e cinco contas bancarias, segundo informa o xornal ‘La Voz de Galicia’. Quedan fóra do decreto as sociedades Kiwi España e Quinta do Sobreiro, malia que estaban incluídas na petición da Fiscalía. 

A xestión de Fernández de Sousa arroxou un buraco patrimonial de 1.600 millóns de euros, con máis de 10.000 accionistas afectadas. 

A instrución, case rematada

O embargo preventivo prodúcese despois dunha investigación patrimonial contra Fernández de Sousa, ante as sospeitas de que omitira parte dos seus bens na declaración xudicial. A medida tamén foi imposta sobre o exconselleiro de Pescanova, Alfonso Paz Andrade, outro dos imputados, e quedan pendentes os embargos contra outras catro persoas que ocupaban postos na dirección da pesqueira. 

Segundo a defensa dos querelantes, a instrución está case rematada e non debería atrasarse a apertura de xuízo. A causa iniciada polo maxistrado Pablo Ruz, que imputou a unha vintena de persoas, pasou a mans do seu substituto na Audiencia Nacional José de la Mata. A última actuación de Ruz foi tomar declaración ao auditor BDO, que fiscalizou as contas de Pescanova durante unha década sen detectar as irregularidades que hoxe se investigan. 

A xestión de Fernández de Sousa arroxou un buraco patrimonial de 1.600 millóns de euros, con máis de 10.000 accionistas afectadas