Xustiza europea ditamina a equiparación da indemnización de fixos e temporais. En Galiza hai 207.000 asalariados con contrato temporal

Xustiza europea ditamina a equiparación da indemnización de fixos e temporais. En Galiza hai 207.000 asalariados con contrato temporal
obreiros traballo construción emprego economía
obreiros traballo construción emprego economía  

O Tribunal comunitario establece tamén que os interinos teñen dereito a cobrar indemnización ao finalizar o contrato.


O Tribunal de Xustiza Europeo vén de ditaminar que fixar unha indemnización diferente para traballadores fixos e temporais, como establece a lexislación española, vai contra a normativa europea. O TXE defende que se equiparen as indemnizacións de ambos os dous colectivos de asalariados, algo que non acontece actualmente. A indemnización para os traballadores fixos é de 20 días por ano traballado e para os temporais de 12 días. Os interinos non teñen dereito a compensación algunha.

Galiza ten unha taxa de temporalidade do 25%. A media europea non chega ao 15%.

O Tribunal Europeo vén de tombar eses criterios nunha sentenza. Defende que se equipare a indemnización e, ademais, que os interinos teñen dereito a compensación. Algo que choca coa lexislación española, onde se establece que a finalización dos contratos de interinidade non dan dereito a cobrar indemnización, dereito que si teñen outros temporais, como os de obra ou por servizos.

Equiparar á baixa

Os sindicatos temen que se dea unha equiparación á baixa. Se Bruxelas di que hai que equiparar indemnización de fixos (20 días por ano traballado) e temporais (12 días), se opte por establecer a compensación para todos en 12 días.

A resolución do TXE prodúcese a raíz dunha denuncia presentada por Ana de Diego, que foi contratada en 2003 para cubrir un posto de traballo no Ministerio de Defensa que correspondía a unha liberada sindical. Nove anos despois, en 2012, perdeu o emprego e decidiu recorrer aos tribunais.

Galiza, líder europea en temporalidade

A decisión do tribunal europeo ten especial importancia en Galiza, que ten unha taxa de temporalidade (porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados) á cabeza de Europa. Ao peche de 2015 esa taxa en Galiza sitúase xa nun 25,5% mentres a media europea andaba no 14% (de cada 100 traballadores, 14 en contrato de caráter temporal). A temporalidade en Galiza supera a de países golpeados fortemente pola crise, como Portugal (21,5%) ou Grecia (11,7%). Só Polonia, cun 28,4%, ten unha temporalidade laboral máis alta que Galiza.

En Galiza había a 1 de xaneiro de 2016, un total de 812.300 asalariados, dos cales 207.100 teñen contrato temporal por 605.000 con contrato indefinido.