"Votar Feijóo é votar Rajoy" lembra Jorquera

"Votar Feijóo é votar Rajoy" lembra Jorquera
Francisco Jorquera onte en Pontevedra presentando a candidatura do BNG
Francisco Jorquera onte en Pontevedra presentando a candidatura do BNG  SG
O candidato do BNG asegura que “un político que agocha as súas siglas, como fai Feijóo, non é de fiar”.

Sen demasiado entusiasmo, o candidato do PP á Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, aceptou debater cos seus dous principais adversarios cara ao 21-O: o socialista Pachi Vázquez e o nacionalista Francisco Jorquera. Porén, quizais falte outro protagonista, o presidente do goberno español, co cal seguro que os líderes da oposición estarían encantados de confrontar ideas mais con que, curiosamente, non querería verse para nada o seu propio candidato, un Núñez Feijóo que foxe de Rajoy como da peste, demostrando así que sabe que as protestadas políticas do PP a nivel estatal son as mesmas que el defende a nivel galego e das cales agora prefire non falar. Por iso, o presidente da Xunta deixou colgado a Rajoy nun acto electoral en Ourense. Pretende Feijóo desmarcarse da dura xestión dos seus en Madrid, tal e como onte denunciou o candidato do BNG, Francisco Jorquera, nun acto en Pontevedra.

"Feijóo fracasou á hora de responder todos os problemas que ten a sociedade e será recordado como o campión das promesas incumpridas" Jorquera.

“Un candidato que pretende agachar a identidade, a marca do seu partido, como é o caso de Feijóo no pode ser de fiar”, denunciou Jorquera, que insistiu que malia esas forzadas tácticas de campaña, a relación íntima entre as políticas de ambos os dous gobernos está xa máis que probada. “A quen quere enganar agora o señor Feijóo? -dixo- cando é evidente que nestas eleccións votar Feijóo é votar Rajoy, é dicir si a unha política de recortes que só conduce a agravar a crise e facela repercutir nas maiorías sociais, nas clases populares”.

Jorquera fixo estas declaracións durante un acto para presentar a listaxe da provincia en Pontevedra, cidade simbólica para o BNG por ser a única das de Galiza onde ten a alcaldía, malia ser o reduto natural do núcleo duro do actual PP, Rajoy incluído. Así e todo, o candidato nacionalista volveu explicar que son posíbeis as políticas diferentes e puxo como exemplo o propio caso de Pontevedra, “mostra de que si se pode ser insubmiso aos recortes, plantarlles cara como acaba de facer Portugal ou tomar medidas para compensar os [email protected][email protected] pola suspensión da paga extra de Nadal”, en referencia esta última á decisión do alcalde nacionalista Fernández Lores de manter o soldo do persoal malia o recorte do PP.

Para Jorquera, a herdanza que deixa Feijóo “non pode ser peor para Galiza, pois fracasou á hora de responder a todos os problemas que ten a sociedade e será recordado como o campión das promesas incumpridas”. “Ten o grave problema de concorrer a estes comicios sen un balance de xestión que poder presentar, por iso Galiza precisa abrir un novo tempo político, caracterizado por políticas realmente alternativas, que rexeneren a democracia, que aposten por poñer o país a producir, por fortalecer os servizos públicos, nomeadamente ensino e sanidade, e por políticas que defendan e amplíen o noso autogoberno. Galiza ten a grande oportunidade o próximo día 21, da man do BNG, de apostar por un goberno que sexa dique de contención a esas políticas antisociais que non serven para saír da crise e que benefician só o un por cento da sociedade a costa de empobrecer a gran maioría”, afirmou o candidato do Bloque.

Pola súa banda, o número 1 do BNG pola circunscrición de Pontevedra, Carlos Aymerich, cualificou a política do Bloque desde o concello como “faro para toda Galiza” e a número 2 da listaxe, Carme Adán, criticou a “política do desencanto que defende a dereita”.