A Xunta manipulou o 21-O os datos de participación para disimular o forte incremento da abstención

A Xunta manipulou o 21-O os datos de participación para disimular o forte incremento da abstención
O 45,1% das e dos galegos decidiron non emitir o seu voto
O 45,1% das e dos galegos decidiron non emitir o seu voto  Vitor Nieves
A abstención superou finalmente en máis de 10 puntos a de 2009, e non só algo máis de 1 punto como se recollía na web do goberno autonómico na noite electoral

O portal electoral da Xunta comparou a participación provisoria do 21-O coa definitiva --co voto CERA escrutado-- de 2009. A diferenza real entre os votos emitidos en Galiza nas respectivas xornadas electorais era de 7 puntos, tal e como se recollera durante os avances de participación, e non de pouco máis de 1 como sinalaba o portal electoral do goberno galego. A porcentaxe de galegas e galegos que votou o 21-O foi do 54,9 %, máis de dez puntos por baixo que en 2009.

Finalizado o escrutinio do voto da diáspora, os datos de participación final amosan un ascenso moi significativo da abstención. A participación nos comicios do pasado 21-O situouse no 54,9%, máis de dez puntos por baixo da rexistrada nas eleccións de 2009, cando atinxira o 64,43%.

A modificación da lei electoral, coa implantación do denominado voto rogado, polo cal as persoas con dereito a voto no exterior teñen que o solicitar previamente, fixo descender dun xeito notábel o coñecido como voto CERA (censo de residentes ausentes). Porén, este factor non explica por si propio a acusada diminución no número de votos.

Así se deduce de comparar os datos da propia noite electoral, excluíndo xa que logo o voto exterior. En 2009, na xornada electoral do 1 de marzo, máis do 70% do censo en Galiza votou. En 2012, o pasado domingo 21, só exerceron o sufraxio no noso territorio o 63,8%. Case sete puntos de diferenza --a mesma porcentaxe que se recollían nas cifras de participación provisional ofrecidas ao longo da xornada-- mais que curiosamente se esvaeu das cifras oficiais do portal da Xunta cando se iniciou a cobertura dos escrutinio, reducíndoa a pouco máis dun punto.

Trátase dunha evidente manipulación estatística, con que o goberno galego pretendería disimular a forte queda da participación para, desta maneira, dotar de maior lexitimidade social o resultado. Mais non houbo --estritamente-- datos falsos, senón que se compararon magnitudes diferentes. No portal electoral da Xunta comparábase a participación provisional de 2012 sen contabilizar o voto CERA, que sería escrutado días despois, coa definitiva de 2009 (da cal si se descontara o voto exterior), polo que en lugar de figurar o 70%, sinalábase o 64,43% en referencia aos comicios de catro anos antes, feito que non se explicaba na información institucional ofrecida.

Foi ese truco estatístico o que provocou que as análises da propia xornada electoral e dos días seguintes non puidesen recoller como un factor determinante a baixada real na participación que, posteriormente, o voto CERA alongaría até máis de dez puntos de diferenza.

Resultados no exterior

Doutra banda, o voto CERA non alterou os resultados do 21-O e confirman a tendencia pola cal o voto exterior acostuma apoiar a forza política que estea no goberno. En 2009 o maior apoio recibiuno o PSdeG e desta volta o PP.

En porcentaxe de votos salienta o 49,2% obtido polo Partido Popular, seguido polo 29,8% do PSdeG-PSOE. AGE fíxose coa terceira posición por apenas 14 votos de diferenza co BNG, rexistrando o 4,76 e o 4,65% dos votos respectivamente. A nivel provincial a praza forte do PP foi Pontevedra cun 53,06%, a dos socialistas A Coruña (32,32%) e o BNG mantívose como terceira forza en Lugo e Ourense.

Duro retroceso para PP-PSOE

Co escrutinio definitivo, as cifras constatan que PP e PSOE foron as forzas máis castigadas electoralmente, seguidos polo BNG, que sufriu un importante descenso motivado en boa medida polo transvase de voto para AGE. Socialistas e Populares suman máis de 350.000 sufraxios perdidos, dos cales o PSdeG-PSOE leva a maior parte, con 227 mil votos menos. Deste maneira o electorado galego tería castigado severamente as principais forzas políticas de ámbito estatal, nunha reacción perante as políticas de austeridade impulsadas por ambas as dúas desde os respectivos gobernos centrais.

Novo Parlamento

A cámara galega resultante dos comicios do 21-0 constituirase o vindeiro día 16. O presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, manifestou a intención do seu grupo de axilizar os trámites de constitución do Parlamento para acelerar o proceso de debate dos orzamentos do vindeiro exercicio. Por vez primeira desde 1997, cando a escisión de IU –Esquerda de Galicia--, liderada por Anxo Guerreiro, obtiña representación en coalición co PSdeG e pasaba a integrar o grupo mixto, haberá máis de tres grupos parlamentares na Cámara coa entrada da Alternativa Galega de Esquerda. A coalición entre Anova e Izquierda Unida xa fixo pública a súa decisión de integrar un mesmo grupo, aínda que @s [email protected] de IU reunirían por si [email protected] as condicións necesarias para constituíren grupo de seu.

A entrada de AGE, como terceira forza, producirá tamén cambios na composición dos diferentes organismos da cámara. Neste sentido, o BNG podería perder a súa representación na mesa do Parlamento, integrada por cinco persoas, dado que ao PP como grupo maioritario lle corresponderían tres dos cinco asentos, restando dúas prazas para seren repartidas entres os tres grupos da oposición. Polo momento non transcenderon os nomeamentos de voceiras e voceiros dos diferentes grupos, agás no caso do BNG, en que xa fica confirmado que recaerá en Francisco Jorquera. Pola súa banda, Feijóo xa anunciou que prevé manter o seu actual gabinete, no cal non se realizarían cambios [email protected] titulares das consellarías. A continuidade será tamén a tónica dominante nas delegacións territoriais da Xunta.

Esta información é un dos contidos do número 22 do semanario Sermos Galiza en papel. Pódese facer cun exemplar mercándoo nos quiosques ou subscribíndose para o recibir no seu domicilio.