ENTREVISTA

Cosme Pombo: "Estes tres anos de goberno foron unha páxina en negro para Galiza"

Cosme Pombo: "Estes tres anos de goberno foron unha páxina en negro para Galiza"
Entrevistamos a Cosme Pombo, candidato do BNG pola circunscrición de Lugo ás vindeiras eleccións galegas.

Cosme Pombo é mestre e agora candidato ao Parlamento galego. Fala sen complexas retóricas e di as cousas con clareza. Emigrado durante uns anos en Barcelona, encabeza a lista do BNG pola circunscrición de Lugo. Da campaña no rural di que non deixa aburrirse a ninguén e asegura que o "goberno Feijóo" --como el denomina a estes tres anos e medio de lexislatura-- foron "unha folla en negro para Galiza". Se algo coñece ben Cosme Pombo é o rural galego e as necesidades dun pobo agro-gandeiro duramente atacado desde as institucións, non só galegas, senón españolas e europeas. Con el botamos a ollada ao interior do país, onde o tren de proximidade non chega, a xente (mal)vive e (sobre)vive cos prezos do leite máis baixos da UE, mais onde axiña se colle unha gaita para lembrar --ao son do Himno do Antigo Reino-- que "en Galiza había reis, cando en Castela non tiñan leis". 

  • Lugo é unha provincia cunha importante poboación rural, como é a campaña con esa dispersión poboacional?

Esta é unha comarca moi ampla, principalmente agrogandeira e que abrangue o 40% da produción leiteira do Estado español. Ademais, conta tamén cunha importante potencialidade industrial, representada na factoría de Alcoa, e enerxética. A campaña, neste sentido, é moi diversa. Estamos a desenvolver moitos actos entre as distintas localidades da comarca. Non se aburre ninguén!

  • Como valora estes tres anos e medio de lexislatura para o sector agro-gandeiro?

Estes tres anos e medio de goberno Feijóo eu case diría que son unha páxina en negro para Galiza. Neste tempo pecharon 3000 explotacións gandeiras, a maior parte na nosa provincia provocando que o desemprego se disparase até as 27.000 persoas segundo a EPA. Para o sector agro-gandeiro estes anos foron moi malos. E tal e como van as cousas corremos o risco de que sexa peor, principalmente porque Lugo é unha provincia leiteira e a situación non pode estar peor. Nunca se pagou o leite tan baixo --a 27 céntimos o litro-- nin con tanto retraso. A situación é moi negra e se seguen os mesmos que gobernan, moito máis negra vai ser.

"A desgraza deste país é que ten un goberno que non cre nel"

  • Que propostas levan no programa electoral para mudar esta situación?

Fronte a aqueles que apostan pola masificación, nós pulamos pola calidade, en todos os produtos, mais sobre todo no leite. Asemade, cremos que hai que potenciar un grupo lácteo galego en que participe a maior parte do sector cooperativo do país. Tamén así, defendemos a re-organización das terras que están sen traballar a través da recuperación do Banco de Terras posto a andar na etapa anterior. Outra cuestión importante son os contratos homologados que garantan prezos xustos e o cobro do leite. Asemade, será precisa a creación dunha Mesa Interprofesional do Leite que reúna produtores e distribuidores coa mediación da administración e que permita avanzar e empregar ao sector como un dos estratéxicos deste país para xerar emprego evitando que a nosa xente moza teña que emigrar.

  • O goberno español vén de aprobar a privatización do tren e prevé o peche de liñas noutras zonas do país, como valora a situación do transporte en Galiza e, máis no concreto, en Lugo?

A desgraza deste país é que ten un goberno que non cre nel. En transporte aquí só se escoita falar do AVE e ao final nin chega, nin se lle espera. Para nós o que é importante é o tren de proximidade por iso desde o BNG defendemos a transferencia de competencias en materia de transporte ao goberno galego para achegarmos un servizo bo e de calidade que sirva para cohesionar toda a provincia; que poidamos desprazarnos nun transporte seguro e máis ecolóxico.

 "Eu toquei o himno do antigo Reino de Galiza para amosar que aquí había reis antes de que Castela tivese leis"

  • Está a ter intervencións moi singulares nos mitins, sempre acompañado da súa gaita, cre que hai que buscar novas formas de se achegar á cidadanía en tempos de desafección coa política?

Non sei se esa é unha forma nova ou non. Eu empreguei nalgunhas intervencións a gaita para explicar cousas, por exemplo, cando o presidente da Xunta dixo que formabamos parte do Estado español desde había cincocentos anos toquei o himno do antigo Reino de Galiza para amosar que aquí había reis antes de que Castela tivese leis, foi unha maneira de reivindicar a nosa historia que non é só a da doma e castración do noso pobo como quere facer crer Feijóo.