CxG quere evitar a deslocalización das empresas


CxG quere evitar a deslocalización das empresas
Xoán Bascuas criticou desde un mitin en Arteixo que “o punto neurálxico de Zara se desprazara a Zaragoza” e formulou algunhas propostas encamiñadas a evitar o traslado de empresas galegas.

O candidato de Compromiso por Galicia criticou a deslocalización empresarial e apostou por despregar medidas que eviten o seu traslado. “A falta de autogoberno provocou que o punto neurálxico de Zara se desprazara a Zaragoza e non radique en Sabón" puxo como exemplo Xoán Bascuas nun mitin en Arteixo.

Entre as propostas de CxG está unha remodelación da xestión portuaria. Neste senso, a formación propón que os portos exteriores de Ferrol e A Coruña estean dirixidos por Portos de Galicia. Tamén no apartado infraestrutural, Bascuas afirmou que "a política económica das autopistas hai que
mudala, non é lóxico pagar peaxes de cinco ou seis euros dentro dun territorio pequeno
como é o galego". O candidato prometeu reducir a peaxe na AP-9.

Performance contra a emigración xuvenil

Horas antes do mitin en Arteixo, CxG e as súas xuventudes, a Mocidade Nacionalista Galega, realizaban no aeroporto de Lavacolla unha performance, na que representaron a un grupo de mozas e mozos que se dispuñan a emigrar a Alemaña. Con esta acción quixeron denunciar a “fuga de cerebros” da que responsabilizan ao Partido Popular. Unha situación que Paulo Carlos López, secretario xeral da MNG, cualificou de dramática sinalando que “detrás de cada número hai unha moza ou mozo que ten que volver á casa dos pais logo de ter estudado”.