Guillerme Vázquez deixará a portavocía do BNG após o proceso de debate que inicia a fronte

Guillerme Vázquez deixará a portavocía do BNG após o proceso de debate que inicia a fronte
[Imaxe: BNG]
[Imaxe: BNG]  SG
Considerou que "unha nova persoa debe encabezar este proxecto", mais recalcou que "non é momento de abandonar", polo que se manterá na primeira liña da formación frontista até a asembleia nacional. Retomando máis unha vez os resultados das eleccións, dixo Vázquez que o BNG "deberá reaxir con máis eficacia e tomando nota da mensaxe da sociedade"

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, abandonará este cargo após a vindeira asembleia da formación frontista. Anunciouno este sábado nunha intervención previa ao Consello nacional celebrado en Compostela, en que atribuíu a súa decisión a que "toca asumir responsabilidades" após unhas eleccións onde o aumento da abstención e a dispersión do voto pola concorrencia de novas forzas deixaron este partido con cinco [email protected] menos.


"O pobo galego decidiu que o BNG sexa oposición, e decidiuno cunha perda importante de votos", recoñeceu Vázquez, quen recalcou que agora "toca reiniciar o camiño" e @s nacionalistas deberán "manterse en pé" e "tomar nota da mensaxe da sociedade". Así as cousas, aínda após colocar riba da mesa a súa firme decisión de demitir da portavocía nacional, Guillerme Vázquez reiterou que "non son tempos de abandono e eu non abandonarei", deixando claro que se manterá na primeira liña da formación frontista até "a conclusión deste debate que hoxe encetamos", en referencia á xuntanza do Consello nacional que culminará nunha asembleia á cal Vázquez non se presentará.

Ao fío, explicou que "o BNG é un barco que necesita dunha reparación, mais é o mellor barco e eu seguirei nel, mais non será como voceiro nacional" pois, acrecentou, "unha nova persoa deberá encabezar este proxecto". Lamentou que o eleitorado galego non vise neste partido "unha ferramenta política útil para a defensa dos seus intereses", mais a renglón seguido constatou que "non foi por falta de traballo, senón por falta de habilidades persoais".

Feijóo conseguiu ''vía libre'' para gobernar Galiza ao ditado dos mercados
O nacionalista remarcou na súa intervención o seu respecto por uns resultados electorais que "non me gustan", mais repasou as consecuencias dunha nova maioría absoluta do PP no goberno do noso país. "Hai tempo que definimos a situación de Galiza como de emerxencia nacional", recordou, sinalando que unha dereita "que renuncia ao autogoberno" e empeñada "nesa tese da Galiza paga en lugar da Galiza exixe" non é a solución para saírmos da "emerxencia".

Aínda que Núñez Feijóo volverá liderar a Xunta cunha notábel perda de apoios e grazas á fórmula D'Hondt que lle outorgou tres escanos máis a pesares de colleitaren 130 mil votos menos, dixo Guillerme Vázquez que o conservador terá "vía libre" para aplicar aquí "o programa de Rajoy, de Merkel e da troika", un programa que se resume "nunha megatransfusión de sangue do pobo ao aparello circulatorio da banca".

Non foi todo. Vázquez alertou de que a vitoria do PP "é unha obxectiva mala noticia" fronte aos vieiros escollidos polos pobos vasco e catalán de avanzar na soberanía e "acentuar o perfil propio". Lembrou máis unha vez as máis de cen mil persoas afectadas pola estafa das participación preferentes, sinalando que Feijóo ten tamén "vía libre" para "deixalos na estacada". E referiuse tamén aos nosos sectores produtivos, ás portas da beneficiencia após o trienio da dereita na Xunta e unhas políticas presentadas como "da austeridade" que empobreceron Galiza máis aínda. "O PP ten vía libre tamén para deixalos morrer", remarcou, antes de concluír apuntando que o BNG "debe reaxir, e debe facelo con máis eficacia".