ÚLTIMA HORA

O Partido Popular intenta prohibir as manifestacións da CIG desta tarde


O Partido Popular intenta prohibir as manifestacións da CIG desta tarde
Presentaron un recurso na Xunta Electoral de Lugo pedindo a súa prohibición. A XEP teríase reunido ás 12h desta mañá mais descoñecese arestora se emitiu resolución sobre a petición [email protected] populares.

O PP presentou un recurso perante a Xunta Electoral Provincial (XEP) de Lugo no que reclaman que se prohiba a realización das manifestacións convocadas pola CIG para esta tarde, coas que a central sindical pretende expresar o rexeitamento social aos Orzamentos xerais do Estado. A Xunta Electoral provincial teríase reunido a partir das 12 desta mañá. Porén, descoñécese arestora se tomou unha decisión a respecto da petición do PP e o sentido da mesma.

No caso de que a XEP acorde ordenar a suspensión das mobilizacións convocadas, as mesmas non se poderían celebrar xa que a decisión só é recorríbel perante a Xunta Electoral Central, en Madrid, ou a través dun contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. No caso de que o sindicato nacionalista decidise recorrer a resolución da XEC ou do TSXG podería tardar varios días, polo que as manifestacións non poderán ter lugar de todas todas.

A prohibición iría cotnra xurisprudencia anterior do Tribunal Constitucional

De se producir finalmente a prohibición esta suporía unha “grave restrición de dereitos fundamentais en base a unha lectura contraditoria coa propia fundamentación da normativa electoral” segundo apuntaron fontes xurídicas a Sermos Galiza. Existe abondosa xurisprudencia que apunta que a limitación do exercicio de dereitos fundamentais, como o de expresión, reunión ou manifestación, debe ser “moi restritiva”. Nunha sentenza do Tribunal Constitucional de 1999 recóllese expresamente que “só nos casos moi extremos caberá admitir a posibilidade de que unha mensaxe teña capacidade suficiente para forzar ou desviar a vontade dos electores, dado o carácter íntimo da decisión do voto e os medios legais existentes para garantir a liberdade de sufraxio”.

O mesmo TC tense amosado máis contundente ao dirimir nos caso de que as manifestacións se realicen por organizacións ou colectivos que non participan da confrontación electoral, caso do sindicato CIG. Neste senso, nunha sentencia do 15 de decembro de 2008 recóllese que as restricións xurídicas para a limitación de dereitos debe ser inda máis estrita, a favor do seu exercicio, cando “unha agrupación de persoas que se reúnen coa finalidade do intercambio ou exposición de ideas, a defensa de intereses ou a publicidade de problemas e reivindicacións e non coa intención da captación de sufraxios”.