Óscar Soto, gandeiro: “Se non hai mudanzas pecharán a metade das explotacións”


Óscar Soto, gandeiro: “Se non hai mudanzas pecharán a metade das explotacións”
Traballa na súa explotación gandeira de Vimianzo entre dez e doce horas cada día, sen festivos. Coida de 55 vacas, trinta delas dedicadas ao leite. Agora mesmo perde cartos en comparación cos intermediarios.

Cales son os problemas que ten na explotación?

Teño dous problemas importantes: o prezo do leite e as mafias das compañías recolledoras, transformadoras. Non nos deixan nin mudar de compañía polos acordos que teñen ou semella que teñen entre elas. Dependendo en que empresa estes non hai maneira. E o prezo do leite leva moito tempo baixo, sen ter en conta a suba do custe da vida e o consumo en alimentación do gando.

"O goberno do PP, despois destes catro anos na Xunta, non fixo nada polo sector"

Canto lle custa o litro de leite e a como a vende?

Vendo o litro de leite a 28 céntimos e a min cústame 33 céntimos.

Perde cartos...

Cinco céntimos por litro cada vez que vendo.

Haberá algún apoio por parte da Xunta, non?

Non. O goberno do PP, despois destes catro anos na Xunta, non fixo nada polo sector. En Galiza cobramos o leite entre cinco e seis céntimos máis barato que no resto do Estado e entre sete e oito céntimos máis barato que Europa.

Cal pensa que é a razón?

.... Non o sei. Pode que por non meterse coas empresas distribuidoras e procesadoras ou polo tema do IPC. O que vemos no campo é que nós somos sempre os que pagamos a suba do IPC.

Se non hai mudanzas nas políticas de apoio ao rural como será o futuro das explotacións como a súa?

Non habería futuro. Se se tarda varios meses, polo que se fala aquí entre os produtores, antes de un ano entre o 50% e o 60% pecharemos. O que non podemos é sacar cartos do rural para poñer na explotación. Esta ben durante uns meses mais xa leva varios anos. Menos agora, que subiu todo.