Pachi Vázquez vai na procura do voto estudantil e "indignado"

Pachi Vázquez vai na procura do voto estudantil e "indignado"
Pachi Vázquez en Vigo
Pachi Vázquez en Vigo  SG
O líder do PSOE cancela un encontro co reitor de Vivo pola folga no ensino e pide a participación da mocidade nas urnas.

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, celebrou un encontro co alcalde de Vigo após aprazar unha visita ao reitorado da Universidade como “mostra de solidariedade coa folga estudantil convocada na cidade”. Precisamente, o apoio da mocidade e o [email protected][email protected]” foi o que buscou o líder do PSOE tanto con esa chiscadela como coas súas palabras, que até semellaron buscar sufraxios no ronsel de movementos como o 15-M, que precisamente naceron en contra das políticas neoliberais emprendidas polos propios socialistas dende o poder. 

“Indignarse sen votar non serve de nada”, indicou o socialista, que chamou a “traducir a indignación en apoios nas urnas” para “construír un futuro distinto”. Pachi Vázquez apostou por un novo goberno de cambio dende a esquerda que “pense nos mozos e mozas que buscan traballo, que garanta aos maiores que non teñan que pagar polos medicamentos ou que reimplante a gratuidade dos libros de texto”.

Vázquez dixo que o goberno de Feijóo foi “incapaz de aprobar a tan demandada Lei de Universidades de Galicia. A súa folla de ruta en materia universitaria pasa pola subida das taxas universitarias, eliminación das prazas de profesorado, externalización dos servizos, insuficiencia de material técnico e redución de contías en tódalas areas”. 

O líder do PSdeG tamén acusou o candidato do PP de “estar permanentemente mentindo e enganando a un país que sabe que o estamos pasando mal pero que podemos sacalo adiante”. “Non máis mentiras sobre Pemex, sobre caixas, sobre a Área Metropolitana de Vigo, sobre as contas ou sobre o déficit”, concluíu.

Colapso económico

Pola súa parte, o candidato pola Coruña José Luis Méndez Romeu afirmou en rolda de prensa que “os datos económicos do Goberno de Feijóo non se corresponden coa realidade e a Xunta esta ofrecendo unha imaxe nada fiábel”.

“O PP aínda non contestou ao informe elaborado polo Consello de Contas que evidencia que Feijóo enganou co déficit de 2010 deixando no caixón 411 millóns de euros de déficit. Galicia presenta o maior incremento de gasto cun diferencial de 10 puntos, respecto da media das autonomías e esta contabilidade creativa está xerando unha distorsión das contas e acabará producindo un colapso, en calquera país un presidente que fai estas cousas debería dimitir”, afirmou Méndez Romeu.