Xosé Rios, bateeiro: “Esta lexislatura foi nefasta para o sector”


Xosé Rios, bateeiro: “Esta lexislatura foi nefasta para o sector”
Atende a entrevista desde o mar, traballando. Nos últimos anos o seu sector pasa por momentos delicados e vende o produto, dunha calidade extraordinaria, a prezos de hai dez anos. Afirma que desde a Xunta, nos últimos anos, só viñeron problemas e non solucións.

Como está o sector

Está nun momento moi crítico. O que máis dano nos fixo foi a enmenda da eurodeputada do PP Carmen Fraga. É o golpe de graza para o sector. O feito de aprobar que a etiquetaxe de moluscos e peixe non teña que levar a orixe do produto, afúndenos a nós e ademais engana o consumidor. Foi aceptada polos ministros de Pesca e en presenza da nosa conselleira de Pesca. Aínda máis, despois o propio ministro insiste na prensa o 10 de outubro en que non se debe especificar a orixe nas conservas.

Lembro cando a conselleira asegurou que “como consumidora non creo que aposte por mercar un mexillón que teña a denominación de orixe de Galicia"

Cal vai ser a consecuencia?

Que poderá etiquetarse mexillón chileno sen problema.

Polo que conta non só non teñen axuda das institucións senón que engaden problemas...

Axudas algunhas veñen de Europa e máis nada.

Cal sería a política correcta para beneficiar o sector?

Sería protexer o noso produto e protexer tamén o consumidor. A partir de agora o propio consumidor non saberá que é o que leva á mesa.

Se non se corrixe esta situación que podería pasar no futuro?

Pois que nos asolagarían de mexillón foráneo, de Chile ou China, como se fose de aquí.

Como tratou o sector este goberno nesta lexislatura que agora remata?

De xeito nefasto. Hoxe en día a consellaría de Pesca “véndenos a moto”, mais as rías seguen sen sanear e con algo de contaminación. No mandato de Rosa Quintana non se saneou ningunha ría. Aínda por riba realizou na prensa declaracións en contra nosa. Lembro, por exemplo, cando asegurou que “como consumidora non creo que aposte por mercar un mexillón que teña a denominación de orixe de Galicia porque pago máis por cuncha que por carne”. O que pasa é que o noso sector ten pouca memoria.