ARNALDO OTEGI

“O Estado pretende xogar ao xadrez con luvas de boxeo e iso é sinxelamente imposíbel”

“O Estado pretende xogar ao xadrez con luvas de boxeo e iso é sinxelamente imposíbel”
Arnaldo Otegi nun acto público
Arnaldo Otegi nun acto público  SG

Nunha entrevista desde a prisión co medio catalán 'La Directa', o secretario xeral de Sortu aposta na vía da unilateralidade para a conquista da independencia. “Se a nosa estratexia de liberación pasa por un acordo co Estado, non haberá acordo nin liberalización”.


Arnaldo Otegi Mondragón (Elgoibar, 1958) é entrevistado polo semanario catalán 'La Directa', unha conversa que o secretario xeral de Sortu e histórico militante da esquerda abertzale mantén desde a prisión de Logroño, onde leva preso desde 2009.

Otegi defenda na entrevista o camiño da unilateralidade como vía para un proxecto de independencia, quer en Euskal Herria ou en Catalunya. “Se as nosas estratexias de liberación pasan necesariamente por acordos co Estado, non haberá acordos nin haberá liberación”, afirma. Ao tempo, remarca que iso non ten que supor fechar a porta a todo tipo de acordos, se non que Euskal Herria “faga a súa propia folla de rota” haxa ou non acordos. Lembra, neste contexto, as promesas que desde España se facían de que todo se podía falar e abordar “sen violencia” e como iso demostrou ser “unha auténtica mentira”. O histórico militante da esquerda abertzale afirma que na “axenda do PP” estaba a ilegalización de Bildu, mais o cesamento da loita armada por parte de ETA frustrou esa xogada. Para Otegi, “nin existe nin existirá” un marco negociador no proceso de paz pois para iso é necesario que “ambas as dúas partes” se comprometan e teñan vontade real de superar o conflito e el considera que o Estado español “non ten ningún interese”.

Esa actitude de persecución fai parte do ADN político do Estado español, mantén o preso independentista, que manifesta que “perante a falla de cultura democrática, só fica a ameaza e a forza”, unha “natureza anti-democrática” que se pon de manifesto “unha e outra vez”.

Independencia, necesaria

Preguntado polo sentido da independencia “no século XXI nun país do sur europeo”, Otegi responde que a independencia é a “recuperación da nosa soberanía política e económica”, que é o paso “imprescindíbel” para emprender “unha transformación social e económica” en beneficio do pobo.

Fala na longa entrevista de vítimas (“considero imprescindíbel falar menos das vítimas e falar máis con elas”), do conflito (“Defendemos unha pluralidade de relatos”). E da situación dos e das presas vascas. “Mediante a nosa instrumentalización, o Estado procura tres obxectivos: perpetuar o escenario anterior, xerar frustración e desilución no noso pobo”. “A esquerda abertzale foi e é unha experiencia enriquecedora de auto-organización popular”, manifesta, alabando a capacidade de resistencia e resposta do independentismo ao longo de décadas. 



x