O futuro Felipe VI define Nafarroa como "un dos solares orixinarios da nosa patria española"


O futuro Felipe VI define Nafarroa como "un dos solares orixinarios da nosa patria española"

O até agora príncipe de Asturias enaltece "España" como "unha nación unida e diversa".

Felipe de Borbón que con toda probabilidade será coroado como rei de España o vindeiro 18 de xuño interveu esta cuarta feira nun acto en Nafarroa. Este era o primeiro discurso após a abdicación de Juan Carlos I.

Felipe VI definiu Nafarroa como "un dos solares orixinarios da nosa patria española" unha "nación" dixo "unida e diversa" que "funde as súas raíces nunha historia milenaria".

Ás portas do acto representantes de EH Bildu manifestábanse coincidindo coa intervención do príncipe como "mostra de rexeitamento á presenza de membros da Casa real en Nafarroa". Unha institución, subliñaron, "herdeira directa do franquismo" e "o símbolo máis claro da negación dos dereitos dos pobos".

Desde EH Bildu aseguraron que "perante a abdicación, é o momento de dar unha verdadeira ruptura democrática" que vaia para alén do debate "entre monarquía e república" e que aborde, defenden, "a cuestión de fondo, o modelo de Estado e o dereito a decidir".