A ikurriña en Nafarroa: historia dunha prohibición

A ikurriña en Nafarroa: historia dunha prohibición

Unha lei aprobada por UPN/PP pune severamente alcaldes e concellos navarros que queiran ondear a ikurriña, unha bandeira cuxo primeiro bosquexo naceu en 1894 nun café de Pamplona. No 'txupinazo' do S. Fermín, volveu ondear en Iruña e xa disparou as iras de 'rexionalistas' e 'centralistas'.


O txupinazo dos San Fermíns deste ano deixan unha imaxe que non se vía desde 1982: a ikurriña a ondear, canda as bandeiras oficais, no balcón do concello de Iruña (Pamplona). A simple colocación desta bandeira xa disparou unha polémica interesada entre sectores e medios conservadores e, hai palabras que non pasan de moda, ‘españolistas’. Que en Nafarroa (Navarra) son os que gostan de se facer pasar por ‘foralistas’ ou ‘navarristas’. O alcalde de Iruña, Joseba Asirón (EH Bildu) defendeu a colocación en aras da ‘normalidade’, pois é unha bandeira sentida por un sector da cidadanía. “Non sobran bandeiras, faltaba unha”, dixo nunha entrevista en El País á pregunta de por que poñer a ikurriña. Pois semella que esa que faltaba, está de sobra, segundo entende o delegado do goberno español en Nafarroa, que xa impuxo un contencioso a este respecto. Mesmo Mariano Rajoy saiu ao paso para dicir que era unha “burla” aos navarros.

Que a ikurriña non ondease en edificios oficiais en Iruña (e noutras localidades navarras) foi unha batalla na que UPN, PP e mesmo PSOE se empregaron a fondo, mesmo sacando da manga unha lei para punir a quen osase poñer a bandeira nos balcóns das casas do concello de Nafarroa. Foi precisamente en Nafarroa, e en concreto en Iruña, nun café da emblemática Plaza del Castillo, onde en 1894 os irmáns Arana fixeron o primeiro bosquexo da ikurriña. As visicitudes desta bandeira en Nafarroa cóntao polo miúdo José M. Esparza en  ‘La ikurriña en el balcón’,

A primeira das capitais vascas onde ondeu a ikurriña após a súa legalización (1977) foi Iruña. De seguido, ducias de concellos navarros. Até que llo prohibiron

Na II República nunha parte significativa dos concellos navarros ondeaba a ikurriña. Até 1936, claro. Aí empezou a prohibición e persecución do símbolo. Catro décadas onde esta bandeira ‘sobreviviu’ na clandestinidade. En xaneiro de 1977, o Grupo de Alcaldes Vascos reunido en Etxarri-Aranatz (Nafarroa) exixiu ao goberno español que legalizase a ikurriña, ameazando con dimitir de inmediato se non daba o paso. O executivo español legalizouna [Fraga soltou aquelo de “para legalizarla tendrán que pasar por encima de mi cadáver”] e a primeira capital vasca que ondeou a tricolor vasca foi...Iruña. Mantívose no balcón até 1982, cando o goberno local decidiu retirala.

A tricolor esténdese

Iruña non foi o único concello navarro onde penduraron a ikurriña a partir de 1977: Lizarra, Tafalla, Lesaka... tamén adoptaron esta decisión. En vilas como Aoiz optouse por unha consulta popular á veciñanza, e a veciñanza dixo que quería a ikurriña no balcón. A consulta non foi tan ‘atrevida’ como para preguntarlles onde querían a española.

Mais os contrarios a que a bandeira teña presenza en Nafarroa impulsaron leis e normas nas que se punía severamente a presenza da ikurriña nas institucións. Mesmo concelleiros do PSOE foron expulsos do partido por apoiar nos concellos que ondease a ikurriña.

Na vila navarra de Etxarri-Aranatz a Garda Civil retirou 50 veces a ikurriña do balcón do Concello e noutras tantas ocasións volveu ser reposta pola veciñanza

Nos 80 e 90 foi aumentando a persecución en Nafarroa desta bandeira. Un exemplo? A vila navarra de Etxarri-Aranatz, onde a Garda Civil retirou 50 veces a ikurriña do balcón do Concello e noutras tantas ocasións volveu ser reposta pola veciñanza. Ao PP pareceulle pouco, que solicitou a intervención do instituto armado para retirar as ikurriñas que ondeaban nas farolas da vila.

Prohibición após prohibición

No 2003 a Garda Civil elaborou un informe no que se sinalaba que, malia multas, sancións,..; a ikurriña seguía a ondear nunha decena de concellos de Nafarroa. No mesmo informe recollíase que a bandeira española só estaba izada en 20 dos 266 concellos de Nafarroa, e que no 92% dos consistorios non se exhibía ningunha. Ante estes dados, o goberno navarro dicta un novo edicto: obrigatoriedade de pendurar as bandeiras oficiais (navarra, española e da Unión Europea).

E así se mantén, polo que a ikurriña ‘se visuliza’ en Nafarroa grazas ao compromiso e implicación popular fronte ao silenciamento das institucións. E desde 1982 até 2015 a bandeira estivo ausente da balconada de Iruña. Que non da praza, onde ano tras ano abrollaban ikurriñas xigantescas para reivindicar o obvio. O que non saiu de balde: detencións, multas, sancións e a correspondente cota de porrazos e agresións policiais. 



x