AXIER LÓPEZ

“O mellor que podemos facer os xornalistas perante a Lei Mordaza é desobedecela”

“O mellor que podemos facer os xornalistas perante a Lei Mordaza é desobedecela”
Axier López
Axier López  

Falamos co xornalista de Argia multado por chiar fotos dun operativo policial en Eibar. “Non podemos caer na trampa do que procura esta lei: o medo e a auto-censura”, dinos.


Axier López é o primeiro en Euskal Herria en ser multado ao abeiro da 'Lei Mordaza'. Así o denuncia o propio medio onde traballa, Argia, que aponta a que “o goberno español castiga Argia por informar, empregando a Lei Mordaza”. Impónselle a este profesional unha sanción de 601 euros por publicar na súa conta de twitter imaxes dun operativo policial que decorreu a comezos de marzo en Eibar para deter unha activista, unha moza que en 2007 canda outros 4 compañeiros cortara a Auto-estrada A8 para protestar contra a ilegalización de 'Segi'.

- Tes o mérito de ser dos primeiros xornalistas multados ao abeiro da 'Lei Mordaza'..

- Triste mérito, non é? (rí) Bon, estamos perante unha lei inxusta, e da que podemos dicir que castiga o 'xusto', polo que o que hai que facer é denunciala. Púnenme con 601 euros e o único que fixen foi poñer un chío cunhas fotos do operativo policial no que detiveron unha activista, engadindo a ligazón a Argia onde se daba conta da información ao respeito.

- E iso agora é causa puníbel, ao que se ve

- A Subdelegación do goberno español foi a que iniciou o proceso, a través dunha denuncia da Policía Nacional. Na carta que remiten, no propio comezo xustifican a sanción en que se cubre unha información na rúa sen permiso. Non deixa de ser chamativo, parece que hai que pedir permiso para facer xornalismo na rúa

- A raíz de coñecer esta multa activouse unha vaga de solidariedade..

Activou. Dentro e fóra de Euskal Herria, o que é moi de agradecer. O HT mesmo é TT a nivel de Estado español, o que non deixa de ter importancia tendo en conta que somos un medio pequeno e en euskara.

- Ti fuches un dos rostros coñecidos da campaña ''Kazetaritza ez da delitua'(O xornalista non é delito)', que se activou o ano pasado en solidariedade con medios e xornalistas vascos ameazados pola 'Lei Mordaza'. Unha lei que vén de aplicársete a tí agora, que debe o xornalismo de tirar en limpo disto?

Creo que non debemos caer na trampa que procura esta lei, que é o medo, a auto-censura, que nos convertamos en policías ou Urquijos [por Carlos Urquijo, delegado do goberno español en Euskadi] de nós propios. Non houbo ningún proceso no que puideramos defendernos, simplemente se nos impuxo unha multa. A 'Lei Mordaza' é inxusta, e por iso o que cómpre é desobedecela, seguir facendo xornalismo. Os xornalistas debemos manter, fronte a esa lei, o compromiso co dereito á información e a liberdade de expresión. 



x