MANIFESTACIÓN MULTITUDINARIA EN BILBO

Milleiros de persoas piden a fin da dispersión das presas

Milleiros de persoas piden a fin da dispersión das presas
[Imaxe: @Larbelaitz]
[Imaxe: @Larbelaitz]  

Bilbo acolleu na tarde do sábado unha concorrida manifestación para pedir a fin da actual política carceraria, a liberdade das persoas presas gravemente enfermas e acabar coa lexislación que vén aplicar a cadea perpetua.


Máis de 70.000 persoas percorreron na tarde do sábado as rúas de Bilbo convocadas por Sare e Bagoaz para pedir o fin da dispersión dos presos e das presas. Entre carteis que aludían os 780 quilómetros até Alacant, os 850 até Córdoba e Murcia, os 875 até Granada, os 945 até Clairueaux ou os 1.040 até Almería e ao berro de “Euskal presoak etxera”, as persoas manifestantes reivindicaron a repatriación dos presos e das presas e a liberación das gravemente enfermas.

Entre as persoas que portaban a faixa principal da mobilización atopábanse, amais de familiares das presas e presos gravemente doentes, a ex presa e condenada no caso Bateragune Miren Zabaleta, os membros da CUP David Fernández e Anna Gabriel, o músico Fermín Muguruza, o avogado Félix Cañada, o ex futbolista Iñaxio Kortabarria, o exconselleiro de Xustiza Joseba Azkarraga, a vítima da ETA Rosa Rodero, o profesor da UPV-EHU Iñaki Lasagabaster, o ex preso Josemi Etxeandia, a xornalista e tamén ex presa Teresa Toda ou o ex preso Juan Mari Olano.

Tamén participaron na marcha os secretarios xerais dos sindicatos ELA e LAB, Adolfo Muñoz e Ainhoa Etxaide, amais de membros da ESK ou da CNT e cargos de EH Bildu e de Podemos, así como o activista saharauí Hassanna Aalia e un amplo abano de representantes do mundo cultural e social de Euskal Herria.

Após catro anos sen a actividade armada da ETA, a política penitenciaria segue a ser "igual de cruel"

Ao finalizar a marcha, que decorreu baixo o lema “Dereitos humanos, resolución e paz. Euskal presoak Euskal Herrira”, a organización denunciou que após catro anos sen a actividade armada da ETA, a política penitenciaria dos gobernos español e francés segue a ser “igual de cruel” e defendeu que “é hora de que a cidadanía tome a palabra e se plante”.

“Continúan coa súa implacábel e macabra política penitenciaria. A dispersión obriga centos e centos de familiares a percorrer cada fin de semana toda a xeografía española con todo o que iso supón, como custo económico e humano”, criticou a organización.

Tamén houbo palabras para denunciar as “duras condicións” que sofren as persoas presas, en boa parte dos casos “con longos períodos de illamento que non fan máis que pór en perigo a integridade de quen as padece”.

Así, as persoas presentes reclamaron a excarcelación das persoas reclusas gravemente enfermas, para o que apostaron en “seguir remando xuntas e na mesma dirección, con independencia das cores políticas”..
 

  

 



x