A organización xuvenil da esquerda abertzale descubre nas súas sedes dispositivos de espionaxe

A organización xuvenil da esquerda abertzale descubre nas súas sedes dispositivos de espionaxe
Dispositivo de seguimento atopado nunha sede de Ernai
Dispositivo de seguimento atopado nunha sede de Ernai  

Só horas despois de que o director do Centro Nacional de Intelixencia negase no Congreso seguimento ou espionaxe a organizacións políticas, Ernai presentou ante a prensa dispositivos de seguimento que descubririon nas súas sedes e que atribúen ao CNI.


“Espionaxe”, “seguimento”, “control”. Algunhas palabras coas que responsábeis de Ernai, a organización xuvenil da esquerda abertzale, cualifican o que están a vivir no día a día. E afirmárono nunha comparecencia de prensa onde presentaron aos xornalistas o dispositivo que descubriron nunha das súas sedes. Un mecanismo con vídeo e audio que gravaba todas as conversas e movementos. Mais isto, apuntan, é só unha parte, pois os seguimentos de policías de paisano é “continuo”.

Unha espionaxe que desde Ernai atribúen o goberno español a través do Centro Nacional de Intelixencia (CNI). Un organismo experimentado na vixiancia e control da esquerda abertzale (organizacións políticas, asociacións, colectivos ou mesmo simples cidadáns vascos desa ideoloxía).

A denuncia prodúcese só horas despois de que o director do CNI, o xeneral Félix Sanz, negase no Congreso que se espiase a organizacións políticas. Negouno na comisión de secretos oficiais, comisión da que se excluíu a Amaiur. Segundo recolle Naiz PP, PSOE, IU e UpyD mostráronse “satisfeitos coas explicacións dadas” polo CNI.