Podemos fica sen dirección en Euskadi

Podemos fica sen dirección en Euskadi
Roberto Uriarte, ex-secretario xeral de Podemos en Euskadi
Roberto Uriarte, ex-secretario xeral de Podemos en Euskadi  Naiz

O secretario xeral do partido no territorio e 19 membros do Consello cidadán demiten con críticas ao peso do “aparato” e ao “centralismo” da formación de Pablo Iglesias. 


A demisión do secretario xeral de Podemos en Euskadi, Roberto Uriarte, dos membros do Consello coordenador (executiva) e de 19 integrantes do Consello cidadá supón un golpe para o partido liderado por Pablo Iglesias, que fica sen dirección en País Vasco. Unhas demisións que chegan, aliás, despois de que as sondaxes do propio goberno de Euskadi apontasen que Podemos podía ser terceira forza no territorio, con 4 escanos, empatados con EH Bildu.

Uriarte argumentou a súa renuncia afirmando que Podemos estaba ser minado pola lóxica do “aparato”, ao igual que os partidos que tanto critica, e polo “centralismo” do partido, que desde Madrid tece e destece nos territorios sen ter en conta bases e representantes nos mesmos.

Listas

Un exemplo diso son a confección das listas ás Cortes españolas polas provincias vascas. Madrid decidiu os tres primeiros postos das candidaturas de Bizkaia, Gipuzkoa e Araba, o que sentou moi mal en Euskadi, segundo medios vascos. De feito, cando Podemos-Euskadi ía dar unha rolda de impresa para presentar o seu cabeza de lista por Bizkaia, tivo que desconvocala após unha chamada dun alto dirixente de Podemos que lles dicía que por esa provincia ía ir outra persoa. En concreto, que iría Eduardo Maura, un estreito colaborador de Pablo Iglesias, e non López de Uralde (líder de Equo), decidido polo partido en Euskadi. Uralde, finalmente, irá por Araba.

Podemos xa designou un comité técnico provisional, que se encargará, entre outras cousas, de coordenar a campaña electoral para os comicios do 20 de decembro.



x